Ames vai acoller este 25 de novembro, ás 20.00 horas, a segunda actividade gratuíta de UCGAL deste mes no concello, logo da cita do pasado día 12 no consistorio. A nova sesión será na Casa da Cultura do Milladoiro e centrarase, novamente, en formar á poboación local en materia de comercio electrónico, poñendo o foco en metodoloxías útiles, prácticas e sinxelas para que a práctica de mercar e vender pola Rede (e facer outros trámites e operacións) sexa o máis segura posible.
A seguridade, a prevención fronte aos calotes, os dereitos como persoas consumidoras e os procedementos de reclamación centrarán esta xornada informativa, impartida por persoal técnico da Unión de Consumidores de Galicia e dirixida á veciñanza de Ames que desexe introducirse no mundo das compras por Internet con seguridade.
O obradoiro, en palabras do Concello, ten por obxectivo “contribuír á redución da fenda dixital entre os consumidores e consumidoras con menor experiencia no proceso de contratación por Internet, así como a dar consellos que permitan que os procesos de compra sexan fiables”.
A actividade estruturase en catro bloques que se centraran no proceso anterior á contratación e as medidas de seguridade a ter en consideración; o proceso de compra, facendo fincapé na figura do vendedor e na prevención de calotes; os aspectos posteriores á compra, como son as garantías e o dereito de desistimento; e un último bloque que se centrará nos procedementos de reclamación e nos mecanismos de resolución extraxudicial de conflitos.
Esta actividade forma parte dun proxecto formativo que a Unión de Consumidores de Galicia está a desenvolver por doce localidades de toda Galicia e conta co financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
UCGAL forma en ecommerce seguro á veciñanza de Ames
Compartir Este Artigo

