A aceleradora BFAero, proxecto impulsado pola axencia autonómica GAIN para impulsar iniciativas empresariais innovadoras do ámbito aeroespacial, vén de pechar o capítulo de selección de finalistas para optar ás seis prazas da súa segunda edición. Os días pasados deuse a coñecer que os finalistas son 17, dos cales unha ampla maioría proceden de Galicia: 14. Os tres restantes teñen a súa orixe en Madrid (dous) e en Barcelona (un). O comité executivo do programa, impulsado ao abeiro da Civil UAV Initiative (CUI), con sede operativa nas Rozas (Lugo), dará a coñecer o 13 de decembro a media ducia de proxecto finalmente elixidos. Este ano presentáronse 40 propostas na fase de selección.
Como dixemos, destes 17 proxectos finalistas unha ampla maioría son de empresas e startups de Galicia, cun total de 14. Pontevedra, con 10, é a provincia galega con máis candidaturas seleccionadas, seguida de A Coruña con dúas e Lugo e Ourense, que teñen un proxecto finalista cada unha. Dos tres proxectos restantes seleccionados, dous deles proceden de Madrid e un de Barcelona.
No referente ao tipo de programa ao que optan, 11 das 17 contribucións aspiran a entrar na fase de incubación e os seis restantes na de aceleración. En canto ás áreas temáticas dos finalistas, salientan os proxectos relacionados con deseño e produción de vehículos non tripulados, seguido do tratamento de datos e información, cargas de pago e sistemas, fabricación, tecnoloxías habilitadoras, aeronavegabilidade, medios formativos, automatización, terminación de voo e seguridade.
Os promotores de BFAero quixeron destacar “o alto nivel da maioría das 40 candidaturas presentadas nesta edición”, o que fixo que excedesen o número mínimo de proxectos finalistas establecido nas bases da convocatoria. De feito, as normas contemplaban a escolma dun mínimo de 12 propostas finalistas (dúas delas elixidas por votación popular na web e 10 delas seleccionadas polo comité executivo) pero finalmente foron 17 os proxectos que pasan á fase final (os dous da votación popular máis 15 que pasaron a primeira peneira do comité).
En palabras de GAIN, os resultados desta segunda edición confirman “o interese que esperta un sector tan específico como o da aeronáutica e os vehículos non tripulados”. En só un ano, engade a axencia, “BFAero lanzou dúas convocatorias nas que se presentaron máis dun centenar de candidaturas, 62 delas procedentes de Galicia; uns datos que reforzan o importante papel da Civil UAVs Initiative da Xunta de Galicia para reter e captar talento na Comunidade galega, que conseguiu converterse xa nun polo aeronáutico de referencia en España”.
Plan de desenvolvemento e lanzamento
BFAero ofrecerá ás seis startups que sexan seleccionadas un “completo plan para o desenvolvemento e lanzamento do seu produto ou servizo no mercado local, nacional e internacional, cunha duración de 24 meses para a etapa de incubación e de 12 meses para a de aceleración”. Así, terán á súa disposición titorías e asesoramento con expertos no sector, acceso ás instalacións e equipos da CUI, oficina propia e espazos para realizar traballo colaborativo (coworking) e recibir unha completa formación en todos os aspectos que afecten á súa idea de negocio. Os proxectos contarán con asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional. Ademais poderán dispor de UAVs de Indra e Babcock de maneira gratuíta e de horas de voo bonificadas. Tamén terán a opción de obter a certificación de piloto.
A segunda edición de BFAero xa ten proxectos finalistas, a maior parte deles galegos
Compartir Este Artigo

