A Asociación de Balnearios de Galicia enfía a recta final de ano avanzando un novo treito na súa transformación tecnolóxica integral, un camiño sen volta cara a excelencia, a innovación, a calidade no servizo e o afianzamento en novos mercados internacionais. Estamos a falar da estrea (hoxe, de maneira oficial) da súa nova páxina web, www.balneariosdegalicia.gal. A través deste espazo cen por cen remodelado, a entidade ampliou a súa listaxe de recursos e servizos e optimizou os datos que ofrece relativos aos establecementos que integran a asociación e a calidade terapéutica das súas augas mineromedicinais. Tamén se pon o foco en mellorara a información sobre as posibilidades que oferta cada balneario, tanto dende o punto de vista do lecer como do sanitario.
Segundo informa a entidade, na nova web indícanse os tipos de augas que ofrece cada balneario da nosa terra, as súas indicacións terapéuticas, os programas e servizos hoteleiros que proporciona; “pero tamén a historia de cada establecemento e as experiencias turísticas e de lecer que achega o seu contorno máis próximo”. Todo isto, explica a asociación, ilustrado con magníficas fotografías dos 18 balnearios que a integran.
Unha das seccións estrela da nova proposta en liña é sen dúbida a sección de noticias, na que se dá conta de toda a actualidade do sector termal galego, así como das diferentes iniciativas que ten en marcha.

Respecto de todas estas novidades, o xerente de Balnearios, Benigno Amor, explica se trata de “unha web moderna, cun estilo actual”, salientando o interese da asociación por “promover nela os balnearios asociados e por chegar o contido aos usuarios dun xeito ameno, intuitivo e sinxelo”.

Os balnearios de Galicia
Forman parte da Asociación de Balnearios de Galicia 18 establecementos termais. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo Augas Santas (Pantón) e Termas Romanas de Lugo. En Ourense están os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E en Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e Mondariz.
A Asociación de Balnearios de Galicia estrea páxina web
Compartir Este Artigo

