Investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Coruña, capitaneados por Javier Parapar, xunto cos investigadores David Losada do CiTIUS da USC e Fabio Crestani da Universidade de Lugano, organizan unha nova edición do laboratorio europeo eRisk, que terá lugar en setembro de 2020 en Tesalónica (Grecia) no marco do CLEF 2020 (Conferencia e Laboratorios do Foro de Avaliación), e que servirá para compartir achados e recursos en materia de ciberseguridade, poñendo o foco non tanto na acción sobre un perigo tecnolóxico que se materializa coma na predición.
O obxectivo concreto do eRisk, segundo informa o CITIC, é explorar metodoloxías de avaliación, métricas de efectividade e outros procesos relacionados coa detección temperá de riscos, para “crear unha nova área de investigación interdisciplinaria que teña potenciais aplicacións nunha ampla variedade de situacións e en moitos perfís persoais diferentes”.
Os equipos participantes en eRisk 2020 terán que abordar dúas tarefas: detección temperá de danos autoinflixidos e medida da severidade dos signos de depresión a partir dos textos e interacción dos usuarios de redes sociais.
Neste momento está aberta a inscrición no laboratorio e en datas vindeiras comezará a liberación de datos para os equipos participantes.

