Os días pasados o centro de traballo innovador e colaborativo de Carballo, un dos emprazamentos da rede de coworking impulsada pola Deputación da Coruña e os concellos (neste caso o de Carballo), colleu novos azos. E fíxoo da man do Goberno local e a empresa Atlantic Ponte 2000, que asinaron o contrato de asistencia técnica para a coordinación e dinamización do espazo de traballo colaborativo, que terá a súa sede no edificio Fórum.
O Concello confirmou que para a súa materialización, a Deputación da Coruña achega 75.000 euros a través dos fondos da liña de apoio a emprendedores do Plan de Emprego Local (PEL-Emprende). A Administración local completará os 83.429,50 euros polos que foi adxudicado o servizo.
O centro de coworking ocupará un espazo de 160 metros cadrados e terá capacidade para acoller 18 novos proxectos empresariais, cuxa actividade de negocio estará orientada ou vencellada, de maneira preferente, ao sector tecnolóxico ou da innovación.
O Concello confirmou que esta recta final de ano estase a adicar á organización e posta en marcha do servizo, e a partir de xaneiro realizarase “unha campaña de difusión para a captación dos emprendedores e emprendedoras que utilizarán este novo centro de emprego, colaboración, encontro e aprendizaxe”.
O obxectivo é “preparalos/as e dotalos/as das mellores ferramentas para que, unha vez rematado este período de viveiro, os seus proxectos empresariais poidan funcionar coas maiores garantías de éxito”, sinalou o Goberno local que dirixe Evencio Ferrero, engadindo que con este centro laboral e emprendedor Carballo pasará a forma parte, xunto con Oleiros, Brión e Boiro, do grupo de concellos que conforman o embrión da Rede Provincial de Centros de Traballo Colaborativo, nos que se situarán iniciativas dun sector determinado.
Así, por exemplo, o centro de Oleiros está destinado a emprendedores do sector da arquitectura, o urbanismo, a enxeñería ou as enerxías renovables; o de Brión, a empresas de transformación de produtos do sector primario, e o de Boiro aos sectores conserveiro, de transformación de produtos do mar, hostaleiro e turístico.
Como dixemos, o centro de Carballo, que ten ámbito comarcal, está orientado ao sector tecnolóxico e empresas innovadoras. Ademais de contar con espazos para 18 emprendedores/as, un/unha técnico de dinamización e un/unha auxiliar administrativo/a, o espazo de traballo colaborativo utilizará as infraestruturas do Fórum Carballo que sexan necesarias para desenvolver as súas actividades.
Colle impulso o centro de coworking tecnolóxico de Carballo
Compartir Este Artigo

