Dende hai anos Google está a promover o uso de Chrome OS, un sistema operativo baseado no navegador web Chrome, gozando de grande éxito no sector educativo estadounidense, para o que normalmente os usuarios teñen que empregar un equipo tipo Chromebook ou Chromebase, pero ao falarmos dunha solución baseada en código libre, tamén xurdiron versións deste sistema operativo adaptadas a outros equipos, entre as que destaca CloudReady, capaz de funcionar en equipos bastante limitados (principalmente ordenadores fabricados a partir de 2007 cun mínimo de 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento), existindo incluso unha base de datos con máis de 350 modelos de ordenador totalmente compatibles.
Estamos ante unha solución moi interesante para reciclar equipos e, especialmente, adaptalos para o seu uso por parte de usuarios básicos ou estudantes que empreguen Chrome OS nas súas aulas, e semella que o proxecto poderá manterse sen problema a longo prazo, xa que a empresa que o desenvolve, Neverware, vén de ser adquirida por Google.
Aseguran que esta operación non afectará ás versións actuais de CloudReady, aínda que si deixan caer que a longo prazo pretenden que este proxecto se fusione coa versión oficial de Chrome OS, o que é unha magnífica nova, xa que supón que o proxecto oficial mellorará o seu soporte de hardware con esta achega, evitando a confusión que pode crear a existencia de variantes dun sistema operativo con diferentes prestacións (por exemplo, CloudReady non permite a instalación de aplicacións para Android, limitación que podería superarse baixo o paraugas de Google).
Google merca CloudReady
Compartir Este Artigo
