Coincidindo coas celebracións do Día Europeo da Protección de Datos, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura e Educación convocaron a quinta edición do concurso literario infantil e xuvenil sobre a importancia de salvagardar a información allea e propia no contexto tecnolóxico-dixital actual, un contexto fortalecido e expandido por mor da pandemia e a necesidade maior de teformarnos, teletraballar e comunicarnos a distancia con amizades, familiares ou docentes. O Concurso Literario sobre Protección Datos está dirixido a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnos e alumnos de 1º a 4º de ESO.
Ambas as dúas institucións consideran de “moita importancia que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade”. Sinalan que “actualmente cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de salvagarda da información e as comunicacións”.
Bases
As e os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos deberán responder a preguntas como Que é para ti a protección de datos ou Como afecta no teu día a día?, ou tamén Como podo protexer os meus datos?. Os textos de referencia serán o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos.
Os traballos deberán presentarse en formato dixital en PDF, cunha extensión de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO, e de entre 800 e 1.000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe. O prazo para presentalos estará aberto ata as 15:00 horas do 28 de febreiro.
Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización.
O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, daranse a coñecer no mes de marzo. Pódense consultar as bases da convocatoria nas páxinas web das institucións convocantes, na do CPEIG e máis na da Consellería de Cultura e Educación.
O CPEIG e a Consellería de Cultura lanzan o seu quinto concurso sobre protección de datos
Compartir Este Artigo

