
O representante autonómico lembrou que este repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego púxose en marcha ao abeiro do Plan de Reactivación ao inicio da pandemia. Trátase, tal e como explicou, dunha iniciativa para “mellorar e preservar a actividade e o emprego no ámbito cultural de Galicia”, así como “para xerar contidos de calidade, tanto dixitais coma presenciais, a disposición de toda a cidadanía” e “inxectar liquidez inmediata nas industrias culturais e reforzar as súas estruturas”.
Segundo fixo saber, o éxito desta medida reflíctese no importante interese que espertou no sector, destinando dende a súa posta en marcha (a finais do mes de maio de 2020) 2,5 millóns de euros para apoiar os proxectos de empresas, cooperativas, entidades sen fin de lucro e profesionais autónomos.
Tres modalidades temáticas
Tamén explicou que a meirande parte das iniciativas apoiadas forma parte da modalidade destinada a proxectos musicais, audiovisuais e de artes escénicas, na que se impulsaron 148 proxectos. Esta tamén foi a modalidade a que se destinou un maior orzamento, representando o 43% do total. O eixo temático de dinamización da lingua galega, do patrimonio cultural e proxectos editoriais, literarios e expositivos impulsou a creación de 130 proxectos, dos que máis da metade se desenvolveron de xeito presencial.
Por último, a terceira das modalidades, dirixida ao ámbito xacobeo, turístico, xeográfico, paisaxístico, gastronómico e de usos e costumes sociais contou coa participación de 78 proxectos que se levaron a cabo, na súa meirande parte, a través de medios dixitais.
Valentín García lembrou que todas estas iniciativas deben apostar pola lingua galega e contaron cunha axuda máxima de 10.000 euros no caso de seren empresas, cooperativas e entidades se ánimo de lucro que xeren emprego, ou de 4.000 euros se se trataba de profesionais autónomos.
O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 apoiou xa máis de 350 iniciativas
Compartir Este Artigo
