Vodafone fixo reconto dos seus últimos fitos en materia da Internet das Cousas (IoT), unha tecnoloxía pola que ten apostado forte a operadora poñendo o foco no importante potencial dos obxectos conectados para acadar, en boa medida, actividades produtivas e enerxéticas mellor xestionadas e sustentables. En concreto, a compañía pechou decembro de 2020 con 3,2 millóns de liñas activas da Internet das Cousas, o que supuxo 480.000 novas liñas desde que comezase o seu ano fiscal en abril.
Estes datos reflicten un incremento do 35% respecto ao mesmo período do ano anterior, e mostra a tendencia á alza da operadora neste segmento de mercado.
A nivel mundial, de feito, Vodafone conecta 118 millóns de dispositivos con IoT.
En canto á distribución por sectores, están á cabeza en captación de liñas IoT os negocios relacionados coa seguridade, a banca e o ámbito do smart metering, eidos seguidos da agricultura e a sanidade.
Unha das claves do éxito de Vodafone neste mercados semellan ser as súas solucións IoT sobre a Plataforma Global M2M, unha ferramenta que permite prestar un servizo integral de xestión de conexións IoT en todo o mundo desde España ou o país onde radique o cliente. “Isto fai posible ofrecer ás empresas unha gran flexibilidade na súa capacidade de autoxestionar as conexións, xa que pode monitorizar o estado de cada SIM en tempo real”, explica a compañía.
Beneficios ambientais do uso da tecnoloxía de Vodafone
Vodafone fai saber que a maioría dos beneficios ambientais derivados do uso da tecnoloxía están asociados á redución das emisións de CO2 “como resultado dunha diminución no consumo de electricidade, gas e combustibles”, aínda que tamén poden ter ligados outros beneficios ambientais como a redución ou a optimización nos consumos de recursos como a auga, materias primas, residuos, etc, e a mellora dos procesos de economía circular e economía colaborativa, así como outros relacionados co desenvolvemento da poboación en zonas rurais ou deshabitadas.
“A tecnoloxía e servizos de Vodafone proporcionan aos seus clientes empresariais os medios suficientes para reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro”, apunta a empresa. Inclúense no grupo de recursos IoT os medidores intelixentes de enerxía (que permiten ás empresas, autoridades municipais e fogares administrar e reducir o seu uso de enerxía), as Cidades Intelixentes (conectadas para mellorar a eficiencia dos servizos intensivos de enerxía, como o transporte público, as redes de estradas e a iluminación) ou as tecnoloxías IoT integradas en vehículos para optimizar a xestión de rutas, o mantemento e o desempeño dos condutores, o que ofrece un aforro no consumo de carburantes de ata un 30%, entre outros.
Vodafone xa ten 3,2 millóns de liñas activas da Internet das Cousas
Compartir Este Artigo
