O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), compartiu a semana pasada un estudo sobre a integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación nas empresas da nosa terra, poñendo o foco en Internet e programas informáticos pero tamén en recursos como a análise de datos a gran escala (Big Data) e robótica, cada vez máis presentes no noso tecido produtivo. O informe A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2020 fai saber que o gasto total en TIC das empresas galegas superou os 457 millóns de euros, o que representa un incremento dun 11,7% respecto ao exercicio anterior.
O estudo analiza a integración das TIC en todas as empresas galegas, un total de 197.813, nas que o 96,2% son microempresas, de 0 a 9 traballadores
Aumento da velocidade de conexión a Internet
O estudo sinala que “a práctica totalidade das empresas de 10 ou máis traballadores teñen contratado Internet” e que “entre as microempresas galegas incrementouse esta contratación nun 7,8%, acadando unha porcentaxe do 78,6% e superando lixeiramente a media estatal (78,2%)”.
Ademais, reflicte o “importante chimpo cualitativo experimentado este último ano na velocidade de conexión a Internet contratada”, cunha suba do 93,2% na taxa de microempresas que contan nas súas conexións con velocidades de máis de 100 Mbps, pasando do 28,1% no ano 2019 ao 54,3% no 2020. Neste período, no caso das empresas de 10 e máis empregados, o incremento foi do 41,2%, pasando do 45,1% ao 63,7%.
Ademais, a investigación do OSIMGA lembra que ano 2020 incorporouse un novo indicador que mide o grao de satisfacción que teñen as empresas coa velocidade de descarga contratada: “Os resultados obtidos indican que arredor do 90% das empresas galegas que teñen contratado Internet de banda larga fixa, consideran suficiente a velocidade de descarga”.
Visibilidade en Internet e comercio electrónico
A investigación tamén reflicte que no ano 2020 consolidouse a dispoñibilidade de páxina web entre as microempresas galegas (29,4%), “rexistrando un crecemento do 10,1% no último ano e superando en 0,6 puntos porcentuais a media estatal (28,8%)”. Ademais, engádese, porcentaxe de empresas galegas que posúen páxina web de 10 ou máis asalariados supera o 80% e sitúase tamén por riba da media estatal (78,1%).
Respecto ao uso de redes sociais con fins empresariais, “segue a súa liña de ascenso”, confírmase: “Unha de cada tres microempresas galegas ten presenza nas redes sociais, aumentando un 28% no último ano e reducindo en 4,7 puntos a diferencia coa media estatal”.
Entre as empresas galegas de 10 ou máis traballadores (67%), o incremento foi dun 22,7%, superando a media estatal (63%).
No relativo ao comercio electrónico, cabe salientar que unha de cada dez microempresas galegas vendeu a través da Rede, experimentando un incremento do 78,7% e superando a media estatal (9,5%). No caso das empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia, a porcentaxe sitúase no 22%.
Polo que se respecta á orixe dos clientes, a maioría teñen sede no ámbito estatal, porén a investigación salienta que o 31,8% da vendas en liña das empresas de 10 ou máis traballadores con sede na Comunidade galega producíronse noutros países da Unión Europea.
Demanda de Perfís TIC nas empresas galegas de 10 ou máis empregados
O estudo tamén destaca que no último ano incrementouse un 16% o número de empresas galegas de 10 ou máis empregados que contrataron especialistas TIC e un 23,9% xa conta con perfís TIC no seu cadro de persoal, superando a media estatal (18,4%) en 5,5 puntos porcentuais.
Entre as empresas galegas de 10 ou más empregados que contan con perfís TIC, un 43,6% emprega mulleres especialistas TIC e, no caso das microempresas, a porcentaxe sitúase no 22,8%, porcentaxes superiores ás medias estatais (32% e 19,7% respectivamente).
O estudo constata a demanda de perfís TIC nas grandes empresas galegas: O 16% das empresas galegas de 10 ou máis empregados/ as con sede e/ou actividade en Galicia contratou ou tentou contratar especialistas TIC, superando a media estatal (13,2%).
Tecnoloxías disruptivas: Internet das Cousas, robótica e Big Data
O 18,6% das empresas de 10 ou máis empregados con sede e/ou actividade en Galicia utilizaron dispositivos interconectados que poden ser monitorizados ou controlados remotamente a través de Internet (o Internet das Cousas, IoT), superando a media estatal (16,8%). No caso das microempresas o uso desta tecnoloxía (4,6%) iguala a media estatal.
Os dispositivos IoT máis empregados nas empresas con 10 ou máis traballadores son os sensores, etiquetas RFID ou cámaras controladas por Internet para mellorar o servizo do cliente. Doutra banda, o dispositivo máis utilizado entre as microempresas son os sensores de movemento para rastrexar vehículos ou produtos.
O uso da robótica nas empresas galegas supera a media estatal. Entre as empresas de 10 ou máis traballadores de Galicia este indicador sitúase no 9,7%, 0,8 puntos porcentuais por riba da media estatal (8,9%). Entre as microempresas galegas, rexístrase un uso máis reducido (2%) pero tamén por riba da media estatal (1,8%).
No 2020 increméntase lixeiramente a porcentaxe de empresas que analizaron big data en Galicia. O maior incremento rexístrase entre as empresas galegas de 10 ou máis asalariados, onde a análise de big data sitúase no 12,4%, 3,9 puntos máis que a media estatal. O uso máis común da big data nas empresas galegas é a análise dos datos de xeolocalización obtidos a partir de dispositivos portátiles.
Xestións coas administracións públicas e ciberseguridade
O uso de Internet para relacionarse coas administracións públicas é practicamente universal entre as empresas de 10 e máis empregados e superan a media estatal en 4 puntos porcentuais. No caso das microempresas, un 73,9% das empresas con conexión á Rede tiveron interacción coas AAPP a través de Internet.
As medidas de seguridade TIC incrementáronse no ano 2020, especialmente entre as microempresas. Dúas de cada tres microempresas galegas implementaron políticas de ciberseguridade, cun crecemento do 31%. Entre as empresas de 10 ou máis traballadores con sede ou actividade en Galicia este indicador sitúase no 95,7%, aumentando un 2,6% respecto ao ano 2019.
A Internet está contratada na práctica totalidade das nosas empresas de 10 ou máis traballadores
Compartir Este Artigo
