O Goberno galego puxo en marcha o proceso para dixitalizar os fondos documentais vencellados á Guerra Civil española e a posguerra que están custodiados nos arquivos históricos que xestiona a Consellería de Cultura e Educación. Trátase dunha iniciativa incluída no marco dun proxecto sobre Memoria Dixital de Galicia co que se pretende protexer e divulgar todo este patrimonio documental e arquivístico que custodia Galicia e que levarán progresivamente ata cubrir tamén a Transición Democrática.
O investimento posto en xogo de 170.000 euros cubre a identificación dos documentos, a súa dixitalización e a súa posta a disposición da cidadanía a través de Galiciana, o Arquivo Dixital de Galicia. O Goberno galego lembra que na actualidade os arquivos xestionados pola Xunta custodian un importante volume de documentos relacionados con esta etapa histórica que se traducen en 1.349.531 rexistros susceptibles de ser tratados.
Do total destas imaxes, abordaranse nesta primeira contratación, como mínimo, un total de 438.264 e que se irán ampliando progresivamente en fases posteriores.
Os arquivos históricos nos que se levará a cabo esta primeira parte do proceso son o Arquivo do Reino de Galicia e os arquivos históricos provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra. Formarán parte dos traballos de dixitalización fondos como expedientes de responsabilidades políticas, prisións, do Goberno civil da época ou da Sección Feminina, entre outros. O prazo máximo de execución para cada lote é de cinco meses.
