
O obxectivo é “destacar a importancia que desempeña a luz e a iluminación na vida das persoas a través dun uso razoable e sustentable da enerxía en áreas fundamentais que van desde a tecnoloxía ata o desenvolvemento respectuoso co medio ambiente, pasando pola cultura e a educación”.
A iniciativa, denominada anteriormente como Biolumen, pasa agora a denominarse Cromalux. Presentouse oficialmente o pasado mes de novembro e forma parte do proxecto de compra pública innovadora (CPI) Smartiago que se desenvolve en virtude dun convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela.
O consorcio, formado por Televés, a Universidade de Santiago de Compostela e Ferrovial Servizos, e promovido polo Concello de Santiago, puxo en marcha o proxecto piloto de iluminación intelixente que xa se está aplicando á fachada da Casa do Cabildo, na praza de Praterías de Santiago.
No laboratorio, os primeiros estudos realizados pola Universidade de Santiago de Compostela desde decembro do pasado ano confirman os efectos esperados por parte das luminarias ensaiadas.
A implementación do proxecto no edificio, que comezará a mediados do presente ano, derivará no desenvolvemento global deste sistema de iluminación eficiente e medioambientalmente responsable para o control da colonización biolóxica (efecto biostático), baseado en tecnoloxía LED, con telecontrol da iluminación e integrado na arquitectura dos edificios. “Santiago de Compostela convértese así en modelo de conservación do patrimonio a través da iluminación pública”, informou Televés.
En Santiago, o proxecto intelixente Biolumen pasa a denominarse Cromalux
Compartir Este Artigo
