A empresa galega Evelb, especialista no desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas avanzadas, vén de comunicar a posta a disposición da cidadanía da nova aplicación móbil do Concello de Cangas, que xa está accesible para a súa descarga e que ten o obxectivo de engadir un extra de “transparencia e accesibilidade” á relación entre a Administración local e a veciñanza, ao tempo que pon en xogo un recurso eficaz para a resolución de incidencias e, tamén, para impulsar o turismo.
Ademais, segundo destaca Evelb, a app ten a vantaxe dun alto potencial de dinamismo e capacidade de adaptación: poderá evolucionar afacéndose ás necesidades e demandas que vaian xurdindo no tempo.
A app, dispoñible tanto para dispositivos con iOS como con Android, conta cun deseño sinxelo no que as seccións están perfectamente diferenciadas por categorías e cores, dando resposta deste xeito á demanda de crear un produto que favoreza “a transparencia e accesibilidade directa aos veciños, ao mesmo tempo que nos permite dar a coñecer o municipio en todos os seus puntos e axiliza a detección de incidencias que temos que solucionar”, tal e como detalla Victoria Portas, alcaldesa de Cangas.
Portas tamén salienta que a ferramenta móbil é o complemento perfecto da páxina web do Concello (cangas.gal), pois mantívose tanto a mesma estrutura como a posibilidade de acceder a todos os trámites e servizos dos que dispón o Consistorio no seu portal virtual. Deste xeito, pódese consultar desde calquera smartphone ou tableta no que se descargue a app información sobre turismo, cultura, axenda, actualidade, incidencias, servizos á veciñanza, pleno municipal, as redes sociais do organismo público e as distintas áreas representativas das concellerías.
Segundo engade Portas, “a orixe da ferramenta está en achegar unha forma máis práctica de que a veciñanza acceda a toda a información relativa ao Concello de Cangas, ademais de ser un recurso útil en canto a turismo. Cangas é un municipio moi turístico e cremos que é un sector importante que hai que explotar doutro xeito. Con esta app poñemos ao dispor de calquera persoa un mecanismo sinxelo, totalmente optimizado, para visitar o noso municipio de forma áxil”, explica.
Pola súa banda, Julio Nimo, responsable de Desenvolvemento de Evelb, describía deste xeito o labor despregado e o resultado final: “Todo o equipo de Desenvolvemento de Evelb implicouse desde o minuto un nun proxecto tan importante para a empresa coma este. Conseguimos crear unha app doada de actualizar para o Concello de Cangas e, ao mesmo tempo, intuitiva e apetecible para o usuario final”.
Nimo tamén salientou as funcionalidades que pon en xogo o apartado de xestión de incidencias, que foi posible pola incorporación da plataforma Emerxia, creada por Evelb e incorporada tamén con éxito á páxina web municipal, unha ferramenta deseñada para facilitar a comunicación de incidencias ou suxestións entre a cidadanía e os concellos. “Mediante un sinxelo formulario e utilizando ferramentas como a xeolocalización e o envío de fotografías, toda a veciñanza e os visitantes poden notificar ás oficinas municipais a través da app calquera dano ou problema nos equipamentos, infraestruturas ou servizos municipais”, informa.
Evelb fai avanzar a estratexia de proximidade e dixitalización do Concello de Cangas coa súa nova app
Compartir Este Artigo

