A Deputación de Lugo confiou na empresa lucense Noa Innova para formar medio cento de técnicos de turismo, co fin de achegarlles recursos tecnolóxicos cos que contribuír á recuperación sectorial. Trátase de recursos directamente encamiñados a redundar na promoción e máis na comercialización de produtos e servizos locais. A formación beneficiará ao persoal de entidades locais e membros das corporacións locais dos concellos da provincia de Lugo. Serán 100 horas de capacitación tecnolóxica, a desenvolver entre o 5 de abril e o 15 de xuño.
A acción formativa virtual Promoción e Comercialización de Produtos e Servizos Turísticos Locais divídese en catro bloques temáticos: mercadotecnia (marketing), comercialización, relacións cliente-empresa e o uso da tecnoloxía para a promoción.
As persoas interesadas poden inscribirse ata o próximo día 17 de marzo, ás 13.00 horas. Para facelo, deberán enviar a documentación solicitada ao correo formacion@deputacionlugo.org.
Esta medida enmárcase no Plan de Impulso da Economía da Provincia promovido pola institución provincial para apoiar aos sectores produtivos máis afectados polas restricións sanitarias, sobre todo a hostalería, o turismo e o comercio local, con accións que combinan, por unha banda, a inxección directa de recursos, e, por outro, a creación de valor engadido para favorecer unha recuperación sustentable e eficaz.
A formación, que comezará o día 5 de abril e se estenderá ata o 15 de xuño, conta con catro bloques de formación, nos que se analizarán o Marketing Turístico; Proxectos de Comercialización de Produtos e Servizos Turísticos Locais; O Sistema de Relación Cliente-Empresa no sector da Hostalería e o Turismo; e a Utilización das Tecnoloxías da Información na Promoción do Destino e para a Creación e Promoción de Produtos Turísticos no Entorno Local. Unha vez rematada a formación, o alumnado que a supere recibirá un diploma acreditativo.
A Deputación de Lugo confía en Noa Innova para formar a medio cento de técnicos de turismo
Compartir Este Artigo

