Achégase o Día Mundial da Poesía (o 21 de marzo) e os nosos centros culturais pechan fileiras arredor de tan importante celebración: unha conmemoración de moitas das cousas que nos axudan a sobrelevar as adversidades de toda índole nas que estamos mergulladas e mergullados. Entre os centros culturais que xa se adheriron á xornada con todos os seus recursos atópase a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, que acollerá o espectáculo Videopoética, unha proposta creativa que combina o recital en directo con pezas de audio e a proxección de vídeo-poesías da man da poeta Yolanda Castaño. A escritora deu a coñecer este 16 de marzo os detalles da actividade, na compaña de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. A cita retransmitirase a través de Instagram.
Segundo explicou García, o evento “forma parte dunha manchea de iniciativas que se desenvolven durante estes días para poñer en valor e mostrar as autoras e autores que apostan polo galego como ferramenta da súa expresión artística e que manteñen vivas as nosas letras”.
Ademais, acompañado de Yolanda Castaño, visitou a mostra conmemorativa e participativa que durante este mes exhíbese na biblioteca compostelá.
A actividade poderase gozar en directo mañá a partir das 19.30 horas na propia biblioteca, con capacidade reducida e entradas dispoñibles alí desde media hora antes. Amais, proxectarase desde o perfil de Instagram @bpsanxelcasal.
Alguén que respira!
Así mesmo, Valentín García tamén presentou a cuarta edición do festival poético Alguén que respira!, que chega a Santiago adaptando o seu calendario ás continxencias da COVID-19 para festexar o 21 de marzo baixo a dirección do escritor, editor e xestor cultural Antón Lopo e co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Nun novo formato, a cita poética estenderase ao longo do 2021 en catro xornadas que se celebrarán cada día 21 do solsticio e do equinoccio. A inaugural terá lugar o propio 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, no Teatro Principal.
Outras iniciativas en torno á poesía
O Pazo de San Roque, sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acolle dende este 16 de marzo e durante tres xornadas o encontro Literatura nas marxes. A creación alén do canon, un proxecto organizado pola Asociación O Arquivo das Trasnas co patrocinio do Goberno galego que analizará tres liñas relevantes do panorama actual ás que se lles busca dar cada vez máis visibilidade na literatura galega: a reivindicación da muller como suxeito pleno, o tratamento da maternidade e a literatura con personaxes LGBTIQ+. Aínda que as prazas dispoñibles xa están cubertas, Política Lingüística fai saber que se pode consultar toda a información das sesións no Portal da Lingua.
Este domingo poderemos seguir dende Instagram seguir as celebracións na Biblioteca Ánxel Casal do Día da Poesía
Compartir Este Artigo

