A nova firma innovadora Ártabro Tec integrouse este mes no grupo de traballo sobre Intelixencia Artificial da European Digital SME Alliance, entidade europea centrada en impulsar o traballo e a investigación das pequenas e medianas empresas do sector TIC. O grupo de traballo no que se integra a firma ferrolá (o Focus Group on AI for Europe) creouse en abril de 2020 en colaboración co Centro Común de Investigación (JRC nas súas siglas en inglés) da Comisión Europea, co obxecto de “crear informes e prestar asesoramento para o deseño e a implementación de políticas de impulso desta tecnoloxía”.
O grupo arrincou con 40 pequenas e medianas empresas de dez países e recentemente puido medrar coa incorporación doutras 56 firmas de toda Europa, todas elas fornecedoras de reputados e avanzados servizos do ámbito da Intelixencia Artificial. A finalidade deste equipo empresarial é servir durante os cinco anos vindeiros de órgano consultivo para a Comisión Europea, achegando a perspectiva das pequenas e medianas empresas sobre o futuro dos sistemas tecnolóxicos con capacidade de analizar información, entendela e axudarnos na toma de decisións.
O Focus Group on AI for Europe mantén frecuentes reunións, actualmente en modalidade telemática, e constitúe tamén, segundo salienta Ártabro Tech, “un interesante espazo para a colaboración entre empresas do ámbito tecnolóxico”.
Fábrica Intelixente
Por outra banda, a empresa de Ferrol é unha das firmas participantes no proxecto Eco-Smart Batt que lidera a empresa Silicio Ferrosolar, do Grupo Ferroglobe, e que obtivo a máxima puntuación na cuarta convocatoria do programa Fábrica Intelixente e Sustentable da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
A parte do proxecto que vai desenvolver a startup ferrolá consistirá na aplicación da tomografía muónica na mellora da eficiencia de produción dos fornos industriais dos que se extrae o silicio.
Ártabro Tech traballará en colaboración con Muon Systems, unha startup vasca pioneira no uso da tomografía muónica no ámbito industrial. Trátase dunha tecnoloxía que permite obter unha “radiografía do interior de estruturas de alta densidade, alí onde precisamente non poden penetrar os raios X”, explican dende a empresa de Ferrol, engadindo que neste caso, o dos fornos de fabricación de silicio, “a densidade das paredes de aceiro impide analizar a produción desde fóra e as altas temperaturas que alcanza o proceso fan imposible facelo desde dentro con outro tipo de tecnoloxía”. Será a primeira vez que se empregue a tomografía muónica neste ámbito e o proxecto, explican dende Ártabro, “cobra especial relevancia no contexto de descarbonización actual, no que as industrias cun consumo intensivo de enerxía han de transformarse necesariamente para producir menos emisións e avanzar cara a unha economía verde”.
Ártabro Tech intégrase no grupo de traballo de Intelixencia Artificial da European Digital SME Alliance
Compartir Este Artigo

