Telefónica España, xunto con Navantia, Ericsson, Cinfo e Idronia, implantou no estaleiro de Navantia en Ferrol tres casos de uso 5G para a reparación e construción de buques. A idea foi converter o centro de fabricación naval no primeiro de Europa con infraestrutura 5G dedicada.
A iniciativa desenvólvese no marco da primeira convocatoria de subvencións para impulsar o 5G do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través de Red.es con fondos FEDER.
Segundo informa Telefónica, o proxecto apóiase directamente no novo estándar móbil de telecomunicacións e en dúas das súas principais vantaxes (a súa baixa latencia e a gran capacidade de procesado en tempo real que pon en xogo), sumado todo ás posibilidades que abren as tecnoloxías de Intelixencia Artificial e o modelado en 3D, entre outras. En concreto, despregouse unha rede privada dedicada de cobertura 5G con frecuencias en 3.5 GHz e en bandas milimétricas de 26 GHz, ademais dun centro de edge computing nunha central de Telefónica na Coruña, a uns 60 quilómetros do estaleiro.
O tres casos de uso que se despregaron son:
· Asistencia técnica remota mediante Realidade Aumentada e modelos 3D para diagnóstico e soporte. Este caso de uso fai posible, mediante técnicas de Realidade Aumentada que superpoñen en vídeo-conferencia modelos 3D da máquina e indicacións gráficas, que un operario local non especializado poida realizar tarefas de reparación ou mantemento coa asistencia dun especialista remoto e así reducir o tempo de parada da cadea industrial.
· A visualización de pezas virtuais nunha contorna real. Isto permite verificar, dentro dun escenario real, como van quedar os traballos de construción que se deseñaron, antes de proceder á súa fabricación e á planificación da montaxe. Este caso de uso esixe a colocación, nunha imaxe de Realidade Aumentada, da devandita infraestrutura con exactitude milimétrica, “algo non realizado ata o momento”, explica Telefónica.
· Dar soporte ao proceso de construción dos buques de forma modular con bloques que se ensamblan. Un aspecto crítico era a verificación de que cada un dos bloques vai encaixar á perfección cos demais. Hoxe en día, segundo informan a operadora e Navantia, esta tarefa realízase con ferramentas de escaneado en láser 3D que xeran cantidades inxentes de información que deben ser analizadas en local por computadores de gran capacidade. “Neste caso de uso”, explica Telefónica, “aprovéitase o largo de banda de 5G para enviar a nube de puntos escaneada vía streaming a computadores colocados no edge computing da rede móbil, de forma que se poida realizar este levantamento de realidade en 3D sen necesidade de ter computadores de gran capacidade no lugar da obra, nin de desprazar persoal altamente especializado a cada sitio”.
No proxecto, Ericsson colaborou no despregue da rede 5G dedicada, ademais de achegar unha das primeiras antenas do mundo para bandas milimétricas europeas coa que se conseguiron velocidades de descarga de varios Gbps.
Pola súa banda, Cinfo, empresa galega especializada en tecnoloxías de vídeo e IA, desenvolveu as aplicacións de Realidade Virtual nas que se empregaron as lentes Hololens 2 de Microsoft, as máis avanzadas do mercado e que permiten operar coas mans libres.
Idronia, startup de desenvolvemento de solucións a medida no ámbito da transformación dixital, traballou no streaming do escaneado 3D, fundamental para o terceiro caso de uso de construción por bloques dos buques.
Telefónica e Navantia achegan o primeiro estaleiro de Europa que usa 5G para construír buques
Compartir Este Artigo

