Resulta curioso ver como a figura de Crash Bandicoot está de actualidade despois de tantos anos, xa que a remasterización da súa triloxía orixinal levou á publicación dunha cuarta entrega que esta semana chega a PC e tamén a un xogo para móbiles que hai preto dun ano saíu nuns poucos territorios e que finalmente ve a luz oficialmente como Crash Bandicoot: On the Run!.
O título xa deixa claro que este xogo free-to-play que podemos descargar da App Store e da tenda de aplicacións de Google Play trátase dun runner, ou sexa, un deses sinxelos títulos nos que hai que correr por numerosos escenarios evitando obstáculos. Nesta ocasión podemos controlar a Crash ou á súa irmá Coco correndo, saltando, xirando e rompendo obxectos en camiños cheos de atrancos para derrotar aos secuaces do Doutor Neo Cortex.
Crash Bandicoot: On the Run! permite realizar partidas multixogador asíncronas, de xeito que poderemos cooperar con amigos e desafiar a outros equipos.
Esta aventura de King (creadores de grandes éxitos como Candy Crush Saga ou Bubble Witch 3 Saga) ofrece máis dun cento de horas de xogo e máis de 50 xefes que derrotar, polo que os seareiros de Crash Bandicoot atoparán aquí unha atractiva fonte de diversión ocasional que pode descargarse de balde dende dispositivos móbiles (aínda que cómpre advertir que para gozar como é debido do xogo é máis que recomendable realizar pagamentos dentro da aplicación).
Vídeo promocional de Crash Bandicoot: On the Run!

