A iniciativa galego-catalá SmartLabels vén de dar importantes pasos para afianzarse nos sectores alimentarios da nosa terra, co punto de vista nas explotacións vinícolas, ás que lles pode achegar interesantes posibilidades en materia de etiquetado intelixente. Neste ámbito, SmarLabels explorou a viabilidade de utilizar novas tecnoloxías de impresión en etiquetas autoadhesivas para botellas de viño, como son as antenas NFC e os códigos bidimensionais invisibles unívocos, para, en palabras dos responsables do proxecto, “poder facer un seguimento real do produto durante todo o proceso de produción e distribución, ademais de evitar falsificacións, ou facilitar a interacción do consumidor co packaging e a marca”.
Impulsado no marco do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras do pasado ano, SmartLabels estivo coordinado por dous clústeres do ámbito estatal, o Clúster do Packaging de Cataluña e o Clúster Alimentario de Galicia, que vencellaron as necesidades de dixitalización das Adegas Paco & Lola e Matarromera co coñecemento do centro tecnolóxico Eurecat e os recursos do fabricante de etiquetas e Sleeves IPE Industria Gráfica. O obxectivo: a obtención de etiquetas intelixentes destinadas ao sector vitivinícola, pero “facilmente replicables a outros sectores”.
Este 29 de marzo, logo dun ano de traballo, presentáronse os resultados do proxecto ante o ecosistema de innovación nacional. Foi nunha xornada virtual que comezou cunha exposición das tendencias en smart packaging este 2021. Participaron Xavier Lesauvage, managing partner da consultora Connociam, e Noelia Dosil, responsable de innovación de proxecto do Clúster Alimentario de Galicia, quen defendeu as contribucióins do proxecto SmartLabels ao coñecemento global da industria “cunha innovación tecnolóxica que permite replicar o sistema de etiquetas intelixentes a outros produtos e sectores”.
Tamén se compartiu durante a sesión, xunto a Juan Estanislao López, investigador de Eurecat, o funcionamento do sistema NFC (Near Field Communication) en beneficio do sector vinícola, para que, a través da tecnoloxía sen contacto, sexa posible crear un vencello co consumidor á vez que se comparte información de interese sobre a marca e o produto.
Segundo fixeron saber, a colaboración entre diferentes Comunidades Autónomas e distintas industrias “permitiu que a iniciativa SmartLabels alcance un grao de potencialidade moi alto, ao introducir un concepto de escalabilidade noutros ámbitos e xerar un coñecemento de gran valor engadido en liña coa Estratexia Nacional de Industria Conectada 4.0”.
Máis datos sobre SmartLabels
O proxecto SmartLabels é unha iniciativa interclúster e transautonómica, promovida por organizacións de Cataluña e Galicia, que ten como obxectivo “desenvolver e testar novas tecnoloxías de impresión, nun ambiente representativo, especificamente electrónica impresa e códigos bidimensionais con tintas invisibles, para a fabricación de etiquetas intelixentes alimentadas con tecnoloxía sen contacto”.
O consorcio do proxecto está formado por dous clústeres, o Packaging Cluster de Cataluña (coordinador do proxecto), o Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA), o centro tecnolóxico Eurecat, e as empresas IPE Industria Gráfica, Cooperativa Vitivinícola Arousana SCG (Paco & Lola) e Bodegas Matarromera.
Ten os seguintes obxectivos.
· Deseñar, desenvolver e probar etiquetas intelixentes que integren antenas NFC nun ambiente operativo, incluído o desenvolvemento dunha aplicación móbil para lelas.
· Deseñar, desenvolver e probar etiquetas con tinta invisible e código bidimensional único nun ambiente operativo.
· Extraer conclusións sobre a validación de ambas tecnoloxías de impresión, avaliando os beneficios e a viabilidade de integrar cada unha das tecnoloxías nos procesos de produción das adegas.
· Preparar estudos de mercado e innovación tecnolóxica en etiquetas intelixentes.
· Difundir o potencial da electrónica impresa e as etiquetas de tinta invisible e un código bidimensional único para permitir a rastrexabilidade (trazabilidade) e no sector vitivinícola en xeral, especialmente a través dos resultados do proxecto.

