A Asociación Raiceiros iniciou este venres 26 de marzo a fase de difusión do proxecto Ulla oralmente, que inclúe a publicación dun caderno de campo e máis a realización de obradoiros en centros educativos do Val do Ulla. O proxecto deuse a coñecer a través dunha presentación virtual cun convidado de luxo, a cargo de Antonio Reigosa, investigador da cultura popular galega e coordinador do coñecido portal Galicia Encantada.
Na súa charla, Reigosa, autor ou coautor de ducias de publicacións relacionadas coa cultura tradicional galega, salientou “a necesidade de continuar mantendo a tradición oral como único xeito de que esa parte da cultura galega continúe viva, e animou a seguir traballando nese eido”.
A continuación, Sofía Riveiro e Henrique Neira, que se encargaron da coordinación do caderno de campo Ulla oralmente, explicaron as súas características. O contido está orientado a dar a coñecer a tradición oral do Val do Ulla a rapazas e rapaces dos últimos cursos de Primaria, e para iso recolle adiviñas, cántigas, contos, lendas, historias antigas, xogos falados, ditos e refráns do Val do Ulla. Ademais de incluír exemplos en cada unha das categorías, achéganse pasatempos e xogos para facer máis atractivos os contido, así como propostas para que o alumnado realice recollidas na súa contorna de contos, lendas ou calquera outra peza da cultura oral tradicional.
Segundo engadiron, este caderno é de formato semellante ao do proxecto desenvolvido en 2019, Ulla naturalmente, sobre a fauna e flora do río Ulla, e “coma nese caso hai unha edición en papel que se entregará nos obradoiros a desenvolver cando sexa posible nos centros de ensino e unha edición dixital en PDF que xa se pode descargar libremente xa na web www.raiceiros.org.
O presidente da asociación, Héctor Rodríguez, lembrou o apoio recibido da Deputación da Coruña e do Concello de Vedra para o desenvolvemento do proxecto e tamén puxo de relevo o feito de que en outubro cumpre 20 anos de traballo arredor da cultura desde o Val do Ulla.
A do venres foi a primeira presentación dun proxecto de Raiceiros a través de vídeo-conferencia, o que permitiu que puidera ser seguida desde Arxentina por representantes da Sociedade Parroquial de Vedra, que, segundo lembrou a asociación, agrupa gran parte do colectivo vedrés naquel país.
Raiceiros estréase nas vídeo-conferencias para presentar Ulla oralmente, que xa se pode descargar
Compartir Este Artigo
