O Concello de Ferrol impulsou un proxecto web para mostrar e visualizar ante o mundo a rica e diversa actividade comunicativa, informativa, dinamizadora e cultural da súa cidadanía e das súas asociacións veciñais. Estamos a falar de Cóntame Ferrol, iniciativa de promoción e visualización de contidos que “falan do territorio”. Servirá, en definitiva, para que o tecido asociativo e creativo do concello comparta as súas iniciativas sobre a contorna. Estará plenamente activa en decembro. Vén da man da Concellería de Cultura.
Cóntame Ferrol recompilará contidos de carácter amador ou profesional, cuxo tema (patrimonio, saberes, toponimia, artes, memoria…) teña relación coa contorna e a veciñanza, prestando unha especial atención a aqueles que respondan a un perfil sociocultural, creativo ou divulgativo.
O proxecto abre a súa primeira fase convidando a participar a persoas e entidades, que atoparán na web contame.ferrol.gal a información necesaria para compartir as súas propostas. Estas poderán ser espazos web, plataformas audiovisuais, novas narrativas, arquivos sonoros, en vídeo ou fotográficos, así como obras escritas ou proxectos expositivos, entre outros formatos.
Ferrol impulsa un proxecto web para dar voz aos cidadáns e preservar as súas historias
Compartir Este Artigo

