A organización do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay (Interplay Producións e Concello de Carballo) compartiu novidades sobre a nova edición do certame, a oitava, que se desenvolve entre o 8 e o 11 de setembro. Segundo puidemos saber, o certame acubillará o xoves 9 o primeiro encontro transversal da creación galega en liña. Participarán “creadoras e creadores de series web do pasado, do presente e do futuro”, de podcasts e de contidos en Youtube, Tik Tok, Twitter e Twitch. Será unha escolma do mellor talento dixital galego, sinalan dende o CIP (Carballo Interplay). Ou sexa, os “Masters da Internet de Galicia”.
Segundo nos contan, un dos obxectivos do Carballo Interplay é “seguir transformando, medrando, ensinando, e promocionando o talento galego na Rede”, de aí que nesta edición o equipo do festival artellase un encontro cos principais representantes nas novas narrativas dixitais do país, moderado polas presentadoras da TVG (e abandeiradas da transformación dixital da canle autonómica) Alba Mancebo e Esther Estévez.
Entre os “Masters da Internet” que analizarán o estado de cousas da creación dixital galega atópanse os ilustres gañadores do premio Galitwitter, Jon Amil e Mira1cousinha; representantes de dous dos podcasts máis exitosos do último ano, Samuel L. París (MBA mal) e Carme D. Prol (Café Derby 21), da man do creador de Podgalego, Isaac González; creadoras de contido para Youtube, Olaxonmario e Nee Barros, e Tik Tok, Malva e Leti da Taberna; ou un dos impulsores da iniciativa Twitch en Galego, Agos Reigosa.
Series web do pasado e do presente
O xoves 9 celebrarase tamén un Café con CREA organizado pola asociación de realizadores e realizadoras de Galicia e protagonizado polas creadoras e creadores de proxectos fundamentais no panorama das series web en Galicia: Sonia Mendez (Angélica y Roberta), Irene Pin (Amnesia 3.0), Javi Camino (El viudo quiere mimos), Óscar Cruz (colectivo Porco Bravú) ou Lucía Estévez (Xan), que moderará o debate. Tamén participarán na conversa Sandra Lesta, David Fidalgo, Jorge Boquete, Miguel Canalejo ou Pedro Brandariz. E, xa pola tarde, proxectaránse as series web en galego que compiten na sección oficial do Carballo Interplay –Arrieiros Somos, Mataría MicroSerie, Pandemials e Dúo Vaguedades– coa presenza das súas creadoras e creadores.
Series do futuro
Outro dos obxectivos do CIP é contribuír a “fomentar a creación dixital innovadora, en lingua galega e para o mundo”, para o que conta cun premio ao proxecto de serie en lingua galega que ofrece 3.000 euros para a creación dos tres primeiros capítulos. O gañador da pasada edición do festival foi David Fidalgo, que volve ao Carballo Interplay para amosar os tres primeiros capítulos, o teaser da serie completa e parte do making of de Cacola, unha webserie de animación 2D dixital cunha estética cartoon con cores planas, animacións irreais e historias autoconclusivas cun ton de comedia absurda na que todo pode pasar.
Este ano competirán polo galardón catro comedias con distintos graos de acidez e propostas estéticas ben alonxadas. As súas creadoras e creadores terán 10 minutos para defender o a súa proposta perante un xurado composto por Xose Regueira (concelleiro de Turismo e Promoción Económica de Carballo), Lucía Estévez (directora), Javi Camino (director) e Andrea Villa (directora de actividades do Carballo Interplay). A serie gañadora estrearase na vindeira edición do Festival.
Estas son as catro comedias en cuestión:
–Pulp Air
Un proxecto de Helfunk Studio (Anita Pico e Rocío López).
–Pringadas
Un drama come of age de Belén Puime Bao.
-Trela, Clínica de suicidios
Unha comedia dramática de Gemma Do Carmo e Margot Alvarado dirixida por Cris Andina.
-Non son a túa avoa
Unha historia de desencanto, roubos e desaparacións creada por Pedro Souto.
O Interplay reunirá en Carballo os máis destacados talentos dixitais da nosa terra
Compartir Este Artigo

