O concello de Monterrei (Ourense) acolleu este 19 de agosto unha visita institucional do Goberno galego destinada a verificar os traballos que se están a facer en materia de prevención de lumes botando man de drons e outros aparellos non tripulados. Na cita, á que acudiron (entre outros) o conselleiro do Medio Rural, José González, e o xeneral Luis Cortés, xefe da BRILAT e da Operación Centinela Gallego, púxose de manifesto a ampla marxe de operatividade que achegan este tipo de aparellos e as tecnoloxías se monitoraxe e análise que os acompañan para levar a cabo tarefas de disuasión nos montes galegos.
Neste senso, José González sinalou que “son moitos os ollos, humanos e tecnolóxicos, que temos sobre o terreo para anticiparnos aos lumes” e adveritu aos incendiarios que se continuarán intensificando os esforzos “para que caia sobre eles todo o peso da lei e para que teñan que afrontar, tamén, os gastos de extinción dos incendios”.
Así, o conselleiro lembrou que o Goberno galego conta actualmente con 12 drons para tarefas de vixilancia, prevención e detección de incendiarios. A estes hai que sumarlles os que aporta o Exército, dentro da Operación Centinela Gallego. Ademais, subliñou o titular de Medio Rural, “máis do 70% do territorio galego está vixiado mediante cámaras de última xeración, coas que incluso se poden ver condutas incendiarias e ata matrículas de vehículos”. José González engadiu que “ademais de medios tecnolóxicos, tamén están despregados medios humanos polo territorio galego, entre os efectivos do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios da Xunta (SPIF) e as patrullas a cabalo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e as do Exército, que fan un importante labor disuasorio”. Este labor, dixo, está a facer posible que teñamos unha taxa alta, do 87%, de lumes que non pasaron de conatos, “o que evidencia a profesionalidade de todos os medios implicados na loita contra os lumes tanto na detección como na extinción dos mesmos”.
O Goberno galego ten activos unha ducia de drons para disuadir aos incendiarios
Compartir Este Artigo

