O Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC, un dos grandes proxectos impulsados polo Clúster TIC Galicia e a Universidade da Coruña (UDC) para converter nun centro de coñecemento e emprendemento tecnolóxico a antiga Fábrica de Armas, vén de publicar as bases da licitación das obras de rehabilitación da nave 2 da Cidade das TIC cun orzamento de 4,3 millóns de euros. As empresas aspirantes terán 45 días naturais, contando dende este pasado domingo 22 de agosto, para presentar as súas propostas. A resolución de proceso levarase a cabo por parte dunha comisión de selección integrada por representantes da Sociedade do Centro de Servizos Avanzados (CSA).
O Clúster e a UDC sinalaron que para a adxudicación valoraranse “distintos criterios”, como o” persoal adscrito, o informe de coñecemento do proxecto, ter realizado traballos similares en datas previas, a oferta económica ou o prazo de execución. Amais, nos pregos do concurso establécense distintas obrigacións en materia medioambiental, social, laboral e de transparencia, entre outras cuestións, que os candidatos deberán cumprir.
A previsión é que, “unha vez adxudicado e formalizado o contrato”, as obras de rehabilitación da nave 2 comecen en novembro deste ano, cun prazo de execución de 9 meses, “de forma que en setembro de 2022 entre en funcionamento o Centro de Servizos Avanzados”, simalou o Clúster TIC, engadindo que a operatividade das naves adicionais calcúlase que comezará no segundo semestre de 2022, “aínda que a data concreta confirmarase o 30 de outubro do presente ano”.
O arquitecto encargado do proxecto, Carlos Pita, sinalou que a rehabilitación integral do CSA “constitúe en boa medida un labor de arqueoloxía industrial”, polas características da contorna fabril que lle serve de base e marco de traballo, unha contorna que será mantida, respectada e reivindicada, complementádoa cunha firme aposta polo sustentable (minimizarase o consumo de enerxía xerado polas accións de derrubamento, evitando ademais a xeración de cascallos). Nesta mesma línea, co propósito de diminuír a pegada de carbono, os materiais que se empregarán na obra serán “de proximidade”, isto é, “adquiridos a empresas locais galegas,” e serán sobre todo madeira contralaminada (CLT) e laminada, cerámica e termoarxila.
O Clúster confirma que a eficiencia enerxética e a sustentabilidade tamén serán “claves” no futuro Centro de Servizos Avanzados. Así, “para evitar o aumento da temperatura que xerarán o amplo volume de equipos e persoal presentes no edificio, instalarase un sistema de activación da estrutura que garantirá un nivel de calor estándar durante todo o ano duns 22 graos”. Amais, realizarase unha renovación constante do aire e establecerase un sistema de instalación de consumo enerxético reducido, con luces LED e fontes de auga para eludir o consumo de auga mineral embotellada.
Primeiras arrendatarias
As primeiras empresas en instalarse nas oficinas do CSA serán IMATIA, cinfo, ITG, Xoia, Enxenio e ODEENE. Por outra banda, Tokiota, Dataspartan e Soslife7 formarán parte do espazo de traballo colaborativo (coworking) e Itelsis instalarase no Laboratorio de Dispositivos Intelixentes, mentres que Denodo ocupará a primeira nave adicional.
As entidades ás que non se lles asignou espazo na resolución de empresas que ocuparán o CSA, integraranse nas naves 3, 4 e 5 adicionais a acondicionar, conservándoselles a posición e puntuación conseguidas neste proceso.
Punto de encontro
O Clúster TIC e a UDC queren ademais que o CSA sexa un espazo onde todos os elementos estean dispostos para xerar intercambio de coñecemento e recursos, e onde as nosas empresas, organizacións, entidades e profesionais poidan xerar e compartir talento e competitividade. Terá unha capacidade aproximada de 5.000 m2 nas súas diferentes plantas, repartidos entre oficinas (2.627 m2) e 2.069 m2 nos que se situarán catro laboratorios de innovación, sala de demostracións (showroom), aulas e zonas comúns (cafetería, coworking, área de descanso, etc.), e nos que destacará unha estrutura de madeira, de máis de 400 m2, que reforzará o baleiro da nave central. “Estes espazos contarán cun deseño de libre compartimentación, tamén chamados espazos acordeón, que permitirán aumentar e reducir os ambientes en función das necesidades”, explicaron fontes do Clúster, engadindo que o Centro de Servizos Avanzados “será un lugar de encontro entre clientes e provedores de solucións TIC enfocado a facilitar o uso compartido de tecnoloxías e a definición de proxectos”. Está integrado no Hub Dihgigal, liderado polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), o Clúster Alimentario de Galicia Aclunaga e o Clúster TIC Galicia.
Este primeiro edificio formará parte dos 127.000 m2 da antiga Fábrica de Armas na que se instalará a Cidade das TIC, un parque tecnolóxico no que a Xunta de Galicia comprometeu 4,82 millóns de euros, ademais da inclusión do proxecto entre os candidatos para optar aos fondos Next Generation por unha contía de 55 millóns de euros.
Toda a información relativa á licitación das obras do CSA pode consultarse na páxina web do proxecto.
O Centro de Servizos Avanzados licitou por 4,3 millóns as obras de rehabilitación da nave 2 da Cidade das TIC
Compartir Este Artigo

