Ao remate do verán agárdannos novas e interesantes formas de seguir mellorando como profesionais do ámbito tecnolóxico-dixital. Para quen teña dúbidas sobre os camiños a percorrer máis axeitados no territorio específico da creación de equipos de profesionais para as empresas, sinalarlle que a consultora galega Vitae vainos deparar co inicio do outono, a partir do 21 de setembro, unha nova edición (a dezaseis) do seu Curso Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (PDF). Terá novamente 15 horas de duración e celebrarase a través da aula virtual de Vitae. Trátase dunha actividade formativa con importantes claves de valor para os responsables de recursos humanos das firmas tecnolóxicas.
Desenvolverase os días 21, 23, 28 e 30 de setembro, e máis o 5 e o 7 de outubro.
Vitae, a respecto das orixes deste curso, fai saber que un dos obstáculos máis frecuentes cos que se atopan os profesionais de selección e avaliación de equipos humanos non é outra cousa que o baleiro formativo xeneralizado que existe en materia de ferramentas psicolóxicas básicas para avaliar a un profesional. “Isto leva a que todo o modelo de estimación falle, pois falla a base, é dicir, quen avalía non foi formado nin capacitado para tal fin”, explican dende Vitae, engadindo que o primeiro paso para calibrar o perfil dun profesional é o autocoñecemento. En base a isto, “coñecernos a nós mesmos é clave para lograr a meirande obxectividade na avaliación das candidatas e candidatos”.
Neste curso proporcionaranse estas ferramentas para o autocoñecemento profesional e para a avaliación doutros profesionais sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño que se use. Amais, achegarase aos participantes a metodoloxías e ferramentas coas “que xa se conseguiron porcentaxes de éxito de máis do 90% en materia de selección de perfís TI (Tecnoloxías da Información), incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, mestrado en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.
Vitae organiza en setembro unha nova edición do curso que nos mostra como formar os mellores equipos TI
Compartir Este Artigo

