Todo o que precisamos sobre a terceira edición das aulas científicas da Luz da Ciencia dende o Dolmen de Dombate, Meteoroloxía e clima, estará dispoñible a partir do 10 de setembro nas redes sociais das entidades organizadoras das xornadas, a Deputación da Coruña e o Concello de Cabana.
No marco desta actividade de divulgación científica e tecnolóxica, investigadores e divulgadores como Susana Bayo Besteiro, Juan Taboada Hidalgo, Mabel Montes Rama e Xavier Fonseca Blanco achegarán explicacións sobre os fenómenos meteorolóxicos en Galicia e no ámbito estatal. As xornadas están coordinadas polo físico e catedrático da USC Jorge Mira.
A Deputación da Coruña e o Concello de Cabana presentaron este 31 de agosto a programación da terceira edición das aulas científicas da Luz da Ciencia dende o Dolmen de Dombate, Meteoroloxía e clima. O contido estará plenamente accesible nas redes sociais destas entidades e tamén nas súas propias web (na da Deputación e máis na do Concello de Cabana).
O deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luis Penas, o alcalde de Cabana, José Muíño e o físico e catedrático da USC e director das aulas, Jorge Mira, participaron este martes 31 nunha rolda de prensa desde o centro arqueolóxico de Dombate. Desde alí introduciron os diferentes contidos que albergará esta terceira xornada do ciclo da Luz da Ciencia desde o Dolmen de Dombate.
Mabel Montes Rama, presentadora do informativo meteorolóxico na Televisión de Galicia, explicará como é Contar o tempo pola tele a través dunha sesión na que achegará o proceso de divulgación que se realiza desde un gran medio de comunicación autonómico.
Pola súa banda, Juan Taboada Hidalgo, coordinador de MeteoGalicia, afondará nas particularidades climáticas da nosa comunidade con De onde vén a riqueza meteorolóxica de Galicia? Explicación dos numerosos microclimas galegos. Tanto Mabel Montes como Juan Taboada participarán nunha mesa redonda con Jorge Mira onde debaterán Como será a información meteorolóxica do futuro?.
Estas terceiras aulas científicas contarán tamén coa achega de Susana Bayo Besteiro, investigadora no EPhysLab da Universidade de Vigo e directora e presentadora de El Tiempo en Telemiño e o xornal La Región, co relatorio A pelexa da ciencia contra o cambio climático.
Xavier Fonseca Blanco, xornalista científico de La Voz de Galicia, achegará respostas na súa intervención Está o tempo tolo? Non, a culpa é do Jet Stream.
Susana Bayo, Xavier Fonseca e Jorge Mira pecharán esta terceira edición da Luz da Ciencia desde o Dolmen de Dombate cunha mesa redonda onde analizarán O cambio climático que nos vén enriba.
Todo o relativo á terceira xornada da Luz da Ciencia, nas redes sociais a partir do 10 de setembro
Compartir Este Artigo

