O Goberno galego vén de confirmar a súa colaboración coa entidade estatal CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial, pertencente ao Ministerio de Ciencia e Innovación) na licitación de Compra Pública Precomercial con vistas a dotar o Polo Aeroespacial de Galicia (As Rozas, Lugo) dun entorno de simulación avanzado de xestión do tráfico aéreo.
A licitación forma parte da Estratexia 2021-2025 da Civil UAVs Initiative impulsada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e supón, en palabras da entidade que dirixe Patricia Argerey, “un avance no proceso do equipamento do polo coa finalidade de convertelo nunha infraestrutura única na que se poidan verificar, testar e, no seu caso, certificar plataformas, instrumentos, sistemas ou aplicacións da industria dos vehículos non tripulados nun entorno seguro e controlado, creándose un espazo para a experimentación regulamentaria”.
O obxectivo da licitación é desenvolver unha infraestrutura de simulación avanzada que, facendo uso dos recursos xa operativos no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), así como das solucións tecnolóxicas desenvolvidas no período 2015-2020 do Polo Aeroespacial de Galicia, teña capacidade para subministrar “un sistema aberto e interoperable para a xestión de tráfico aéreo en operacións con vehículos non tripulados e a súa integración con vehículos tripulados”.
O froito final deste traballo será unha tecnoloxía que permita alcanzar a simulación “en calquera escenario operacional”.
A previsión é de que a infraestrutura de simulación teña en conta dous aspectos fundamentais: por unha banda, a interrelación dos servizos U-Space co Urban Air Mobility (Mobilidade Aérea Urbana) e as Smart Cities (Cidades Intelixentes); e pola outra, que o simulador e os resultados obtidos no mesmo sexan un referente para a definición do marco regulamentario a nivel europeo e internacional.
Esta nova infraestrutura do Polo Aeroespacial dará servizo á comunidade científica e tecnolóxica e permitirá que Galicia “siga á vangarda no desenvolvemento de tecnoloxías e servizos vinculados cos vehículos aéreos non tripulados e abre novas oportunidades para a participación das pemes e centros de coñecemento galegos na Civil UAVs Initiative”, engadiu a axencia GAIN.
A licitación, co-financiada con fondos europeos, enmárcase na estratexia 2021-2025 da iniciativa e conta cun orzamento de máis de 13 M€ a executar en tres fases.
O Polo Aeroespacial contará cun simulador avanzado de xestión do tráfico aéreo
Compartir Este Artigo

