A Deputación de Pontevedra, a través da rede de capacitación e transformación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana dúas novas accións formativas impartidas de xeito online. As accións (dous novos obradoiros para facilitar a adaptación á era dixital das empresas, os autónomos e os profesionais) versan sobre as diferentes contornas visuais dispoñibles na rede social Instagram e sobre as posibilidades da plataforma de mercadotecnia por correo electrónico Sendinblue.
Este martes 7 impartirase o obradoiro Contorna visual de Instagram: todo sobre contido de imaxe, no que a titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico Lara Taboada falará das diferentes contornas da rede social, o tipo de contido que debe prepararse para cada unha delas, formatos máis axeitados, tendencias e consellos para mellorar o perfil.
Pola súa banda, o mércores 8, a posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas Fátima Faílde, impartirá Ferramentas de Email Márketing: Sendinblue, obradoiro que pon o foco nunha ferramenta que, segundo adianta a formadora, fai máis áxil, eficiente e rápido o proceso de creación dunha estratexia de mercadotecnia (marketing) dixital. No seu transcurso crearase unha campaña de emailing, editaranse diferentes modelos e explicarase o seu funcionamento.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPEME na URL de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo ao enderezo info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202 020.
As posibilidades de Instagram e Sendinblue, ao detalle en dous novos obradoiros de SmartPEME
Compartir Este Artigo

