O Concello de Pontevedra, ao abeiro do proxecto A Memoria das Mulleres (destinado a reivindicar os nomes de todas aquelas mulleres que contribuíron, de xeito anónimo e nunca de abondo recoñecido, a crear a historia da cidade, tal e como a coñecementos), vén de activar un xogo interactivo para ampliar os obxectivos do dito programa no ámbito do lecer dixital. O xogo, que ten relación directa co mural Mulleres de Pontevedra na historia, é unha enquisa dirixida a “crear unha aprendizaxe interactiva e participativa a través de adiviñas”. Tamén se concibiu como “unha viaxe gráfica na rúa Poza de Campos”.
O xogo funciona como unha visita virtual ao devandito mural, onde podemos premer sobre cada un dos números que acompañan as 23 mulleres incluídas no mesmo. A modo de adiviñanza, obtemos dez pistas biográficas sobre quen é a muller que se agocha tras delas, tentando descubrir a súa identidade.
A Memoria das Mulleres
Posto en marcha hai cinco anos, o programa A Memoria das Mulleres impulsou unha chea de actividades para recuperar o legado feminino da cidade de Pontevedra e da súa contorna. Ao seu abeiro, elabourouse un fondo documental, gráfico e audiovisual e unha enciclopedia virtual sobre as mulleres do concello ao longo dos tempos. Amais, púxose o foco na participación dos centros educativos en todos estes procesos, traballando na procura dunha colaboración activa entre todos os axentes sociais que traballan neste eido, “sen esquecer o uso das novas tecnoloxías para o proceso de comunicación”.
Pontevedra lanza un xogo interactivo para ampliar o horizonte dixital de A Memoria das Mulleres
Compartir Este Artigo

