Telefónica vén de facer balance da súa actividade recente en materia de renovación de infraestruturas, poñendo o foco nas centrais de cobre coas que contaba no territorio estatal e que están a ser substituídas por equipamentos máis eficientes e sustentables. Respecto da xeografía galega, xa están a ser pechadas 56 destas centrais, das 733 coas que contaba en toda a comunidade durante o primeiro semestre do ano. En total, a operadora deixou sen operatividade 23 unidades na Coruña, 10 en Ourense e 13 en Pontevedra, ás que se suman as 10 de Lugo en proceso de peche.
Estes traballos forman parte do plan de dixitalización e transformación da rede da compañía para ofrecer a mellor conectividade. Asemade, débese ao importante despregue de fibra óptica que se está levando a cabo en toda Galicia.
Como dixemos, a medida afectou ata o momento a un total de 47 centrais de cobre das 733 existentes en Galicia, ás que se sumarán outras 36 ao longo deste ano.
No que respecta ao conxunto de España, a compañía superou o fito de 1.000 centrais de cobre clausuradas neste período.
No últimos cinco anos, Telefónica investiu 420 millóns de euros en materia de infraestruturas de telecomunicacións de última xeración. Froito disto, na provincia da Coruña, máis do 64% da poboación xa dispón de cobertura de FTTH, unha porcentaxe que segundo informa a compañía de telecomunicacións “supera o 50% no conxunto de Galicia, onde o 98,5% da poboación dispón de cobertura 4G, superando a media nacional, e un 78,1% de 5G”. En Ourense, máis do 65% da poboación xa dispón de cobertura de FTTH, unha porcentaxe que é do 40% na provincia de Lugo e do 70,6% en Pontevedra.
Tal e como destacou Pablo Ledesma, director de Operacións de Telefónica España, “Telefónica comezou o seu proceso de transformación da rede co peche de centrais no ano 2016 e desde entón, a pesar de circunstancias adversas nalgúns anos como o pasado, seguiu o seu plan de peche de centrais de cobre e expansión da fibra para avanzar no obxectivo de ofrecer a mellor conectividade tanto a clientes particulares como empresariais”.
En concreto, o obxectivo deste plan de transformación é completar a cobertura de fibra “cunha rede totalmente dixital” e impulsar que todos os clientes “pasen a fibra para, desta maneira, mellorar a experiencia cos servizos e colocalos na mellor posición ante o futuro dixital, ademais de consolidar o obxectivo ambiental de Telefónica”.
Desde o inicio do seu plan de peche, Telefónica desmontou 65.000 toneladas de cable; reciclou 7.140 toneladas de RAEE (residuo de aparellos eléctricos e electrónicos) e outros elementos; reutilizou máis de 128.000 tarxetas na súa rede e aforrou ao redor de 1000 Gwh (355.000 tCO2, equivalente como dixemos a plantar seis millóns de árbores).
En canto á redución do espazo, Ledesma lembra que “unha central de fibra dá servizo ao mesmo número de accesos que se atende desde catro centrais de cobre”.
Telefónica pecha 56 das 733 centrais de cobre coas que conta en territorio galego
Compartir Este Artigo

