A empresa arxentino-galega Enercraft, con sede de seu no Polígono de Nantes (Sanxenxo) e adicada á fabricación de equipos de soporte enerxético (baterías de gran potencia) para aeronaves, recibiu este 10 de setembro a visita do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey.
Enercraft, creada en Arxentina por un galego que retornou en 2020, Alberto Jurjo, impulsor da firma xunto con Eduadro Urquizú, mostrou as súas importantes solucións para mellorar a operatividade e a seguridade dos vehículos aéreos: trátase en boa medida de achegarlles recursos de emerxencia para evitar que queden sen enerxía en pleno voo.
Jurjo debullou ante a delegación da Xunta o itinerario seguido pola empresa, primeiro en Arxentina logo en Canadá e agora en Galicia, a onde se trasladou na procura dunha empresa auxiliar que achegara o persoal necesario para a construción das baterías de gran potencia que requiran traballadores moi especializados, comezando así a súa colaboración con INELSA no Polígono de Nantes de Sanxenxo.
Antonio Rodríguez Miranda destacou a importancia de que galegos emprendedores retornados poñan en marcha iniciativas coma Enercraft, que achegan I+D+i á comunidade galega.
Para axudarlles na instalación da súa firma en Galicia, contaron cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración de 7.000 euros, a través da liña de axudas a emprendedores retornados.
O secretario xeral da Emigración destacou a importancia do pulo empresarial dos galegos retornados, “que apostan por poñer en marcha novas empresas, moitos deles, como no caso de Alberto Jurjo, de alta cualificación profesional, que aportan a nosa terra os contactos e coñecementos adquiridos, creando unha iniciativa de gran valor engadido”.
A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, aproveitou a visita a esta firma dedicada ao sector aeroespacial para destacar a oportunidade que supón para o tecido empresarial galego o Polo Aeroespacial de Galicia, “que se atopa actualmente nunha etapa de consolidación na que o Goberno galego xa ten comprometidos 70M€ para reforzar a súa pegada industrial; a proxección internacional a través da comercialización de novos produtos e tecnoloxías innovadoras e a xeración de emprego cualificado”, dixo, engadindo que no período 2015-2020, 28 dos 50 axentes implicados no Polo foron pequenas e medianas empresas, cunha facturación conxunta de máis de 26 millóns de euros.
Enercraft mostra ante Emigración e GAIN a súa experiencia en enerxía extra para aeronaves
Compartir Este Artigo

