A Xunta, a través do programa Autónomos Dixitais, está a formar a 900 persoas traballadoras en comercio electrónico. Así o deu a coñecer a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, durante o transcurso dun seminario en liña celebrado dende Santiago, no que se ofreceron datos sobre este programa dirixido a achegar recursos de transformación profesional para a revitalización do tecido económico e comercial.
Segundo sinalou a directora xeral, “un comercio máis accesible, dixitalizado e con oportunidades para a reactivación das autónomas e autónomos son os eixos sobre os que xiran os cursos de formación do programa Autónomos Dixitais da Xunta no que están a participar na actualidade preto de 900 persoas”. A intención, en concreto, é facilitar a un total de 1.125 destinatarios os coñecementos precisos para reactivar cadanseus negocios nun contexto onde, por mor da pandemia, moitos establecementos puideron sobrevivir á situación económica grazas ao comercio en liña.
A directora xeral explicou que este programa consta dun curso de iniciación, Fundamentos para crear un proxecto ecommerce, de 50 horas, e outro curso de Especialista en ecommerce, tamén de 50 horas de sesións. Ambas son actividades dixitais onde se pode recibir a formación a distancia, “facilitando deste xeito o seu acceso e, tamén, a debida conciliación das persoas interesadas”, dixo, engadindo que “do que se trata é de ofrecer capacitación en comercio dixital a aqueles autónomos que vaian iniciar a súa actividade ou de poñer á súa disposición unha nova ferramenta a todos aqueles que queiran dar unha segunda oportunidade a súa situación laboral”.
A segunda edición de Autónomos Dixitais foi presentada en maio pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, con catro perfís aos que vai dirixida: mulleres; colectivo emprendedor entre persoas entre 31 e 44 anos e autónomos que tiveron que pechar o seu negocio como consecuencia da COVID-19; e as persoas traballadoras autónomas maiores de 45 anos. Cada perfil consta dos dous cursos de balde en formato dixital.
Preto de 900 traballadores fórmanse en ecommerce a través do programa Autónomos Dixitais
Compartir Este Artigo

