O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) está a ultimar os detalles dun dos grandes acontecementos tecnolóxicos anuais do ámbito galego e estatal: a Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, Iuristicgal, que chega á súa décima edición. Será unha nova e relevante oportunidade para tomarlle o pulso á relación (sempre interesante, e máis neste tempo post-COVID de máis teletraballo, máis transformación tecnolóxica e máis comunicación en liña) entre xustiza, investigación policial e novas ferramentas dixitais.
En concreto, os mecanismos para garantir a privacidade, os medios de proba eficaces na loita contra os ciberdelitos, o tratamento de datos xenéticos e a Intelixencia Artificial como apoio da labor xudicial serán protagonistas temáticas da décima edición da Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos – Iuristicgal, que está prevista para o 21 de outubro en formato mixto, presencial e streaming.
A organización da xornada conta co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) no marco do convenio asinado co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) para a realización de actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías da información en Galicia.
O obxectivo desta edición é “dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica ao tempo que incrementar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial co uso das novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas”.
A xornada está estruturada en catro intervencións individuais e rematará cunha mesa redonda na que os relatores, xunto aos participantes, debaterán sobre o poder da tecnoloxía na protección dos dereitos da cidadanía e a optimización do funcionamento da xustiza.
Juan Corvalán, fiscal xeral adxunto de Buenos Aires, Arxentina e creador e desenvolvedor de Prometea; Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional; Pilar Nicolás Jiménez, profesora de Dereito e investigadora da Cátedra de Dereito e Xenoma Humano da Universidade do País Vasco; e Carmela Troncoso, profesora na Escola Politécnica Federal de Lausana, Suíza; e fundadora do protocolo DP-3 T adoptado por Apple e Google nas súas aplicacións móbiles de rastrexo COVID son os relatores expertos que intervirán na xornada.
A inscrición na xornada para o público xeral está aberta dende este 24 de setembro, a través de iuristicgal.cpetig.gal, onde tamén está dispoñible o programa completo.
A privacidade, a xenética e a Intelixencia Artificial serán os eixes da décima xornada Iuristicgal
Compartir Este Artigo

