Boeing, a Xunta, a Tecnópole de Ourense e FIRST Scandinavia veñen de xuntar forzas para lanzar unha aula permanente de aprendizaxe de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (STEM). Irá destinada a estudantes de idades comprendidas entre os 14 e os 16 anos, que empregaran equipos de “alta calidade” e reforzarán coñecementos científico-tecnolóxicos de gran relevancia para cadansúas carreiras profesionais futuras. A iniciativa ten ás súas costas un ronsel de éxitos en países como Noruega, Dinamarca e Escoia, onde se estableceron máis de 40 destas aulas, chamadas Aulas Newton.
O formato (probado xa por FIRST Scandinavia con importantes resultados en Lugo) é o resultado da colaboración entre a ONG norueguesa FIRST Scandinavia e a Xunta de Galicia, co apoio de Boeing.
A aula Newton de Tecnópole será a primeira que se estableza de forma permanente en España. Segundo informan Boeing e FIRST Scandinavia, “este tipo de espazos de formación encaixan particularmente ben en zonas rurais, e permiten que os estudantes perfeccionen as súas habilidades en materias STEM baixo a supervisión de profesores especializados”.
Por certo que os colexios galegos que queiran que os seus alumnos participen poden inscribirse xa de xeito online.
O apoio do Goberno galego a esta iniciativa enmárcase no programa autonómico de fomento de vocacións científico-tecnolóxicas Voando alto, sumando vocacións, no que colabora Boeing, que á súa vez tamén é socio industrial e tecnolóxico da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia con proxectos como o de Xestión e seguridade do tráfico para espazos aéreos compartidos.
Iniciativa de divulgación
Aula Newton Galicia é unha iniciativa de divulgación científica gratuíta que Tecnópole promove entre os centros educativos de Secundaria de Galicia. Está organizada conxuntamente entre Xunta de Galicia, Boeing, First Scandinavia e Tecnópole.
A Aula Newton Galicia ofrece formación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (STEM polas súas siglas en inglés) mediante dinámicas prácticas de forma que os estudantes teñen acceso a equipos que lles permiten explorar, debater, reflexionar e colaborar nas ditas materias. Aberta os venres durante o curso escolar en horario de 9:30h a 14:15h e dirixida a estudantes de 3º- 4º da ESO (14-16 anos).
Boeing, First Scandinavia e Tecnópole lanzan unha aula permanente de ensino STEM para a rapazada
Compartir Este Artigo

