Regresa coa súa sexta edición o programa ScratchDay, dirixido a escolares galegos de organizado no marco da colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), abeirado, tamén, ao Plan de Talento Dixital de Galicia (DigiTalent) da axencia. Na nova entrega mantense o obxectivo de achegar a programación informática a idades temperás sen necesidade de ter coñecementos previos e coa novidade de apostar de chego polos formatos de Scape Room e pola temática do Camiño de Santiago (coincidindo coa celebración do Xacobeo 2021-2022).
A Cidade da Cultura de Galicia (Edificio do Museo, Andar 1) será o escenario que acolla esta xornada que a organización cualifica de “intensa e atractiva” e que está programada para o vindeiro 9 de outubro. Está concibida para tres grandes públicos obxectivos: os alumnos e alumnas de 6 a 16 anos dos centros escolares de Galicia, os seus pais e nais e tamén o profesorado ou os responsables dos centros que estean interesados en introducir a ferramenta de programación Scratch na docencia. Os dous primeiros grupos traballarán en conxunto, dado que un dos obxectivos desta iniciativa é precisamente o de implicar ao núcleo familiar no descubrimento e o traballo colaborativo “nun entorno amigable e que non precisa de coñecemento profundo de linguaxe de programación”, explican o CPETIG e AMTEGA, engadindo que o obradoiro para o profesorado desenvolverase en paralelo na mesma data e lugar e será específico para presentar as vantaxes e potencialidades que implica o traballo con este tipo de tecnoloxía entre os máis pequenos.
A cita será como dixemos o vindeiro sábado 9 de outubro, de 9:00 a 14:00 horas e estará estruturada en tres Scapes Rooms distintos, cada un deles relacionado con distintos tramos e atractivos do Camiño de Santiago. Os participantes terán como obxectivo ir resolvendo os retos propostos e empregando as pistas proporcionadas para completar as etapas.
Novamente a entidade encargada de impartir os contidos será a empresa especializada en robótica educativa, Rockbotic Galicia, que xa conta cunha dilatada traxectoria na que participaron centos de escolares de distintos centros de Galicia de diferentes idades.
O período de inscrición para o VI ScratchDay xa está habilitado e para formalizar a participación no evento é preciso rexistrase a través de scratchday.cpetig.gal.
O Xacobeo será un dos fíos temáticos do Scratch Day que organizan o día 9 o CPETIG e AMTEGA
Compartir Este Artigo

