O centro GaiásTech da Cidade da Cultura (Santiago) acolle hoxe a partir das 15.00 horas, a conferencia Ética e Deontoloxía na Enxeñaría en Informática. O selo de Empresa éTICa do CCII, impartida por Darío Álvarez, doutor en Informática pola Universidade de Oviedo e membro da Comisión de Ética e Deontoloxía do Consello de Colexios de Enxeñaría Informática (CCII).
O fío temático da xornada é o Selo de Empresa éTICa do CCII así como o rexistro para que empresas, autónomos e institucións poidan certificar que desenvolven servizos tecnolóxicos de calidade. A iniciativa, á que xa se sumaron seis empresas, busca poñer en valor ás entidades implicadas, favorecer a súa identificación e axudar á formulación posterior de políticas específicas para elas.
No seu relatorio Darío Álvarez explicará que vantaxes aporta ás empresas o novo Selo de Empresa éTICa e cales son os requisitos necesarios para solicitalo. Ademais, fará un repaso dos aspectos máis relevantes do Código Ético e Deontolóxico da Enxeñaría Informática, recentemente aprobado polo Consello de Colexios de Enxeñaría Informática, e incidirá en como pode servir de apoio para a toma das mellores decisións profesionais posibles, respectando os intereses do cliente, do empregador, do profesional, da sociedade no seu conxunto e da propia profesión.
Programa Tres14.pm
A cita abéirase ao programa Tres14.pm, un ciclo de encontros e debate organizado no marco do Convenio de colaboración asinado entre a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) para o impulso e a retención do talento dixital en Galicia.
O programa conta con espazos de networking, debate, opinión e coñecemento, no que participan expertos en distintas materias que en catorce minutos expoñen tres principios sobre a temática para, a continuación. establecer un coloquio cos participantes.
Esta sesión celébrase de xeito presencial para un grupo máximo de quince profesionais do sector das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e outras persoas interesadas na materia, dende o Centro GaiásTech na Cidade da Cultura ás 15:00 horas. Ademais, a xornada poderá seguirse en streamingredaccion/, onde os participantes terán a oportunidade de interactuar co relator a través do chat.
Máis información da actividade e inscricións na web DigiTalent e en GaiasTech.xunta.gal.
O GaiásTech acolle unha xornada sobre ética e deontoloxía no ámbito TIC
Compartir Este Artigo

