Comeza a conta atrás para a nova edición da cita informática XGN R Encounter, a herdeira (actualizada aos novos tempos, tendencias e necesidades) da xa histórica Xuventude Galicia Net, un clásico dos encontros tecnolóxicos para a xente nova. A nova cita (21 edición) celébrase entre o 9 e o 11 de outubro, retomando o seu formato presencial no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca (en Silleda) trala convocatoria en liña do ano pasado. A organización habilitará os dous pavillóns principais do complexo feiral (máis de 10.000 metros cadrados cada un), co obxectivo de achegar a meirande seguridade sanitaria aos profesionais e aos seareiros da informática que alí se xunten.
O recinto está xa mergullado nos preparativos desta cita. Así, contará de novo na súa área de intranet exclusiva para persoas inscritas, cun completo programa de actividades para as que disporán de 20 Gbps de velocidade no recinto.
En canto á zona extranet, de acceso libre, será unicamente en formato en liña, “ofrecendo numerosas propostas para desfrutar dende a casa”, explican as entidades organizadoras, engadindo que nesta convocatoria preténdese recuperar a interacción dos participantes “de forma segura”.
Trátase da quinta convocatoria de XGN coa operadora galega R como colaboradora e patrocinadora oficial e de novo conta co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora da party.
A 21 edición de XGN R Encounter desenvolverase a partir do 9 de outubro e achegará 20 Gbps aos participantes
Compartir Este Artigo

