Na axenda de accións formativas innovadoras (por temática e formato) de FEUGA para este outono a fundación incluíu unha actividade directamente encamiñada a facilitar o camiño da nosa empresa ou organización cara a igualdade, un proceso que alén das importantes repercusións de progreso social que pon en xogo, abre tamén “un mundo novo de posibilidades laborais”, en palabras de FEUGA, que lembra que a partir de marzo de 2022 “será obrigatorio nas empresas contar cun plan que garanta estes obxectivos de emprego”.
En palabras da fundación, o obxectivo desta actividade formativa (da que podemos ver todos os detalles na web de FEUGA en formato PDF) é axudarnos a crear e aplicar o noso plan de igualdade de maneira perfecta, “descubrindo as ferramentas precisas e as ideas fundamentais” para o dito proceso, achegándonos asesoramento de xeito personalizado e resolvendo todas as nosas dúbidas. En definitiva, búscase achandar o camiño das pemes cara a modernización, a mellora do clima laboral e a equidade. O curso terá formato de webinario e celebrarase os días 18, 20, 25 e 27 de outubro. Serán oito horas de formación, impartidas pola docente Elena Alfaro.
FEUGA achega un novo webinario para axudar ás pemes nos seus plans de igualdade
Compartir Este Artigo

