Este primeiro de outubro estivo a celebrarse o evento Ares Innova 2021, o Festival de Innovación Social do dito concello coruñés. Contou coa presenza da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, que presentou os detalles dun proxecto piloto para converter a nosa terra nun territorio de I+D+i. Forma parte dun proxecto aínda máis amplo, a iniciativa RuralLab, que vén con tres iniciativas máis para o fomento da innovación no rural e que se caracterizan, todas elas, por mobilizar a participación cidadá como “elemento prioritario”.
O primeiro destes proxectos, que se está a levar a cabo de xeito piloto no concello coruñés de Ares, presentouse no marco do dito festival, un evento que continuará este sábado 2 e máis o vindeiro 9 de outubro co obxectivo de “achegar a cultura da innovación a públicos de todas as idades”.
Na apertura do festival, Patricia Argerey agradeceu a implicación de expertos en deseño estratéxico e dos colectivos sociais de Ares, que estes días están a traballar xuntos para que a innovación feita en Galicia “sexa un vector de impacto na vida das persoas”.
A directora da axencia explicou que o proxecto RuralLab para a zona de Ferrolterra naceu da man da Fundación Didac e da Fundación Gabeiras, e a el vén de incorporarse a Xunta a través do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024–Diferenza, contando tamén coa colaboración da Fundación Paideia Galiza, do Ministerio de Cultura e de Medialab Prado.
Ao longo de toda esta semana, un grupo de deseñadores estratéxicos e expertos en innovación social estivo traballando con colectivos locais nun “proceso de descubrimento de oportunidades”. Este sábado 2 de outubro o labor continuará con varios obradoiros de deseño intelixente (design thinking) e creación conxunta nos que se reflexionará sobre que lugar pode ocupar o rural no futuro de Galicia, partindo das análises concretas de Ares e Ferrolterra.
Os retos que se están a abordar son, en primeiro lugar, económicos, como o feito de crear emprego e novas oportunidades. O obxectivo é apuntar ideas concretas aplicables ao turismo sustentable, deportivo e relacionado co patrimonio cultural e inmaterial; aos novos negocios dixitais, verdes e de alimentación saudable; e a novas formas de traballo relacionadas co traballo en remoto.
Na esfera social, estanse a analizar maneiras novas de relacionarnos coa contorna e mellorar a nosa calidade de vida, incluíndo fórmulas para aproveitar o coñecemento dos máis maiores sobre o patrimonio.
Por último, no ámbito dos desafíos ambientais, explóranse fórmulas para unha transición desde o modelo enerxético actual a un novo baseado nas renovables, así como o almacenamento enerxético centrado no aproveitamento dos recursos naturais da zona.
Os resultados deste proceso de reflexión colectiva serán presentados o vindeiro sábado día 9 en Ares coincidindo co último día do festival, unha xornada na que a participación cidadá será a protagonista a través de actividades para familias e nenos e nenas.
O programa deste primeiro de outubro complétase cun debate sobre a innovación para transformar o rural no que participan os deseñadores e expertos Alberto Barreiro, Manuel Vázquez, Patricia Gabeiras e Nuria Alonso, moderados por David Barro. Ademais, Vítor Mejuto presenta a súa exposición de pintura sobre restos escultóricos, Xustiza Ártabra, e o trío musical Napal leva a cabo unha acción performativa innovadora.
GAIN presenta un proxecto piloto para estender a innovación social e rural a todo o territorio galego
Compartir Este Artigo

