A sede da Real Academia Galega (RAG) na Coruña acolleu onte a presentación da iniciativa Queremos audiovisual en galego, impulsada pola Mesa e dirixida a conseguir que a Lei Audiovisual do Estado iguale para a nosa lingua as cotas estabelecidas para o castelán nas plataformas dixitais. Na cita cos medios participaron o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e mais a secretaria xeral da entidade de defensa da lingua, Celia Armas, quen se encargaron de debullar a iniciativa ante o presidente e o vicesecretario da RAG.
Segundo lembraron Maceira e Armas, Queremos audiovisual en galego ten un alicerce firme para conseguir os seus obxectivos, ca que conta co apoio unánime das forzas políticas galegas, sendo o seu principal cometido conseguir que a nova lei xeral de comunicación audiovisual que ultima o Goberno estatal inclúa o galego nas medidas de protección da dobraxe, da lexendaxe, das audiodescricións e do financiamento anticipado establecidas para o español.
Maceira recordou que a lei, que será obxecto de debate nas vindeiras datas, é unha transposición dunha directiva europea que busca garantir a difusión e creación nas linguas europeas. “Sen audiovisual non hai futuro para ningunha lingua nin cultura”, abondou, “e por iso a lei fixará unha cota mínima de dobraxe, lexendaxe, audidescricións e financiamento de producións no Estado Español por parte das plataformas de emisión audiovisuais (5% de ingresos)”.
Armas salientou, pola súa banda, o aval das máis de 33.000 sinaturas coas que chegou a Iniciativa Xabarín ao Parlamento galego.
A chamada Iniciativa Xabarín, que conseguiu apoio xeneralizado no Parlamento galego o pasado 12 de maio, busca a mellora da presenza da lingua galega no audiovisual. Ao seu abeiro, xunto con outros puntos, solicitábase que a lexislación estatal equiparase para o galego as porcentaxes na dobraxe, lexendaxe, audiodescricións e financiamento anticipado previstas para o castelán. O texto aprobado por unanimidade no Parlamento galego instaba a “que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda” e mais a “reclamar da Corporación de Radio Televisión Española que emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa aplicación móbil”.
Representantes da principal entidade social de defensa da lingua galega trasladaron á directiva da principal institución cultural do país que “é da máxima relevancia para o futuro da lingua galega” que a nova lei audiovisual inclúa a demanda unánime do Parlamento Galego e as alegacións presentadas pola entidade de defensa da lingua, baseadas neste acordo parlamentar”.
A Mesa pola Normalización Lingüística enviou o pasado 10 de xullo as alegacións correspondentes á Lei Xeral de Comunicación Audiovisual á Secretaría de Estado de Telecomunicacións, solicitando o recoñecemento da pluralidade lingüística como principio básico; o estabelecemento dunha porcentaxe idéntica ao castelán nos contidos mínimos en galego e nas outras linguas cooficiais tanto para televisión como plataformas dixitais como Netflix, HBO, Disney+ ou Prime Video e mais no deber de financiamento antecipado a obra audiovisual europea; a incorporación do galego e das outras linguas cooficiais nos subtítulos, dobraxes e audiodescripcións, nos mesmos contidos que o castelán; a consideración da lingua galega como contido de interese xeral en audio ou texto escrito (dobraxe, subtítulos, audidescricións); que webs e outras interfaces de comunicación dixital coa persoa usuaria ou cliente incorporen as linguas oficiais; e asegurar a reciprocidade con Portugal.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que dos 25872 títulos entre series e filmes dispoñibles nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua.
A Mesa presenta na RAG a súa iniciativa para impulsar o galego nas plataformas dixitais
Compartir Este Artigo

