A Deputación de Pontevedra, a través da súa iniciativa de formación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana seis novas accións formativas impartidas de xeito online, todas elas destinadas a axudar ás empresas, ás persoas autónomas e profesionais a afrontar diversos aspectos do inevitable camiño da dixitalización e a transformación. As accións versan sobre a fabricación dixital, a nova mercadotecnia, a sustentabilidade en establecementos turísticos e fotografía e vídeo para espazos interiores.
A xeiras formativas comezaron este martes 5 co obradoiro Fabricación dixital. Introdución á fabricación dixital, a cargo de Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, e continuaron pola tarde co obradoiro Marketing sustentable, da man de Fátima Faílde, posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas.
Este mércores 6, Mariana Rosa, graduada en Turismo, impartirá Como mellorar a sustentabilidade do teu establecemento turístico, centrado na Axenda 2030, acreditacións e boas prácticas en turismo. O mesmo día, Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, impartirá o obradoiro Fotografía e vídeo para espazos interiores, onde falará sobre como aproveitar a luz natural e artificial, os diferentes puntos de vista en altura e posición e a elaboración de presentacións de fotos e vídeos para YouTube.
O xoves 7, será a quenda de Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape I – Partstudio I a cargo de Manuel Freire, quen dará continuidade ao obradoiro impartido o martes.
Para finalizar, o xoves pola tarde, celebrarase Obtén o valor dos teus datos con Google Data Studio, onde María Aller, posgraduada en Comunicación Corporativa, falará sobre esta ferramenta e outras plataformas e formatos externos para elaborar informes globais dunha empresa. O obxectivo é que “poidan visualizarse de forma sinxela e intuitiva para compartilos ou editalos en tempo real”.
SmartPEME achega neste inicio de outubro seis novos obradoiros tecnolóxicos en liña
Compartir Este Artigo

