Se ben xa case ninguén dubida dos beneficios que os procesos de dixitalización poñen en xogo para as nosas pemes e para o traballo diario dos nosos profesionais, en ocasións fallan as pontes de comunicación entre os axentes que favorecen estes procesos de transformación e as empresas e persoas destinatarias. Remediar estas eivas é o gran obxectivo da Oficina Acelera PEME do Instituto Tecnolóxico de Galicia, habilitada en colaboración con Red.es.
A Oficina é este outono (estes meses de setembro e outubro) un espazo referencial de formación transformadora, dende o que se achega un programa inicial de oito obradoiros que son, cada un á súa maneira, oito puntos de conexión co proceso dixitalizador acelerado pola pandemia.
Logo das tres citas de setembro (tres citas coas posibilidades empresariais que abren a Internet das Cousas, o posicionamento web e as axudas públicas dispoñibles para a dixitalización) e das dúas de comezos de outubro (sobre Intelixencia Artificial e sobre seguridade tecnolóxica), o programa deste arrinque de outono enfiará a recta final os días 26 e o 27 de outubro (cunha sesión sobre sistemas de xestión empresarial a cargo de Ivan Becerra, de Captology, o día 26 ás 10.00 horas; cunha cita coa dixitalización dos postos de traballo, a cargo de Iván Becerra no mesmo día a partir das 11.30 horas; e cunha sesión de traballo arredor das vantaxes e riscos das tendas en liña, con José Alcañíz, director executivo de Esterea Comunicación Digital, o 27 de outubro a partir das 10.00 horas).
O obxectivo da Oficina Acelera PEME é “facilitar ás pequenas e medianas empresas galegas un servizo integral e gratuíto que lles permita acelerar a súa transformación dixital”.
A actividade da oficina do ITG iniciouse con oito sesións formativas en liña, con formato de webinars, nas que se mostran de xeito práctico diferentes procesos de dixitalización levados a cabo en empresas galegas por provedores tamén galegos.
Búscase, en palabras do ITG, “amosar que a dixitalización e a mellora da competitividade están ao alcance de calquera empresa con exemplos próximos e prácticos”.
O programa completo está dispoñible na web do proxecto.
Ademais do asesoramento ás empresas no seu proceso de transformación dixital, a Oficina do ITG ten como obxectivo axudar a 55 pemes galegas a enfocar de maneira axeitada a súa estratexia tecnolóxica. Para cada unha delas, tras identificar o seu nivel de madureza tecnolóxica, realizarase un plan personalizado de transformación nas distintas fases do seu proceso de negocio: compras, vendas, finanzas, produción ou loxística, por exemplo.
A nova oficina vén reforzar o compromiso de ITG coa transferencia de coñecemento á sociedade, en xeral, e ao mundo empresarial, en particular.
Programa formativo gratuíto
Entre os meses de setembro e de outubro hai programados 8 webinars formativos aos que as pemes interesadas pódense inscribir de forma gratuíta a través do formulario dispoñible na web do proxecto.
Setembro:
-Xoves 23, 10h. IoT (Internet das Cousas) como ferramenta de produtividade na industria: concepto e casos de estudo. Relator: José Antonio Carreiro, enxeñeiro de software do ITG.
-Martes 28, 10h. Posicionamento web efectivo en buscadores. Relator: José Alcañiz, director executivo (CEO) de Esterea Comunicación Digital.
-Martes 28, 11.30h. Axudas públicas dispoñibles para a dixitalización. Relatora: Lucía Cresto, consultora sénior en SILO Science & Innovation.
Outubro:
-Martes 5, 10h. Intelixencia Artificial en pemes: conceptos e casos éxito. Relator: González Blázquez Gil, enxeñeiro de I+D e software no ITG.
-Martes 5, 11.30h. Seguridade dixital en pemes: riscos e factores clave. Relator: Ednon (pendente de confirmar).
-Martes 26, 10h. Sistemas de xestión empresarial (ERP): factores clave. Relator: Iván Becerra Prado, director de Captology.
-Martes 26, 11.30h. Dixitalización de postos de traballo: o teletraballo efectivo. Relator: Iván Becerra Prado, director de Captology.
-Mércores, 27, 10:00h. Tendas online: riscos e claves para polas en marcha. Relator: José Alcañiz, director executivo (CEO) de Esterea Comunicación Digital.
A Oficina Acelera Peme do ITG mergúllanos nas vantaxes do teletraballo efectivo e nas claves das tendas en liña
Compartir Este Artigo

