Sanxenxo vén de dar un novo paso adiante en materia de cobertura de redes de última xeración. Segundo vén de informar a operadora R, arredor de 600 novas residencias particulares e empresas dos núcleos de Areas, O Outeiro, Laxe, Palacios, Nanín e Quintáns, están xa conectadas ás redes avanzadas de R, o que significa, entre outras cousas, que poden dispoñer de accesos ultrarrápidos a internet de ata 500 Mbps simétricos (suba e baixada) e gozar de todos os servizos avanzados que pon en xogo a empresa de telecomunicacións.
Este novo fornecemento de fibra óptica engádese á incorporación recente doutros 1.400 inmóbeis ás redes de R, enmarcada tamén no Plan Avanza do Goberno central. A previsión é de que ao remate de 2021, Sanxenxo conte, só en virtude do programa do Ministerio, cunhas 3.200 residencias e empresas conectadas ás redes de nova xeración do operador galego, e preparadas para recibir os seus servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle.
A maiores, R lembra que leva anos investindo pola súa conta na despregadura de infraestruturas en Sanxenxo, “onde xa dispoñen de cobertura outros 7.407 fogares e empresas do municipio”. Deste xeito, preto de 10.607 (7.407 + 3.200) será a cifra total de inmóbeis do concello pontevedrés preparados para gozar dos servizos de última xeración da compañía galega a peche de 2021.
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuxeran de alta velocidade ata ese momento (“zonas brancas”).
Sanxenxo terá 10.607 inmóbeis conectados a R ao remate de 2021
Compartir Este Artigo

