Esta fin de semana celebrouse no Museo de Pontevedra, da man da Real Academia Galega e a Deputación, a VI Xornada de Onomástica Galega, que entre outros contidos incluíu unha mesa redonda sobre os estudos toponímicos do Camiño de Santiago, os nomes de lugar que atravesan a rede xacobea e a posibilidade de que Galicia se converta nun centro de estudos onomásticos referente a nivel europeo. Nesta mesa de clausura participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen debullou os recursos tecnolóxicos postos en xogo na nosa terra para reivindicar, visualizar e preservar os nosos topónimos, coa vantaxe de facelo de xeito participativo, divulgador e accesible.
A mesa, moderada pola académica Luz Méndez, contou tamén coa participación de Gonzalo Navaza, membro da RAG; Cristina Sánchez Carretero, antropóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC, e Eduardo López Pereira, membro da Academia Xacobea.
Valentín García cualificou a iniciativa Galicia Nomeada como “frutífera e innovadora” e salientou o seu potencial para ser extrapolada como modelo “a outras comunidades autónomas que se teñen interesado pola iniciativa”. E engadiu: “A toponimia é unha das grandes riquezas do noso idioma e cómpre buscar métodos de actuación que nos permitan recuperala e fixala sen que pase moito tempo”.
Unha aplicación para xeorreferenciar os nomes da nosa terra
Galicia Nomeada é o nome que recibe a aplicación colaborativa para teléfonos intelixentes que se comezou a deseñar en 2017 co fin de recoller e xeorreferenciar a microtoponimia galega. Segundo salienta Política Lingüística, a posta en funcionamento desta plataforma, que ten tamén como obxectivo difundir todo o patrimonio inmaterial asociado á toponimia, “supuxo un paso xigante no proceso de arquivo e conservación do inmensamente rico patrimonio toponímico galego”.
A aplicación, cuxo desenvolvemento foi posible grazas á achega da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), está dispoñible desde o 20 de decembro de 2019 en versións para iOS e Android nas tendas de aplicacións para teléfonos móbiles intelixentes e conta, na actualidade, con 2.236 usuarios colaboradores rexistrados que introduciron un total de 29.690 topónimos, moitos deles acompañados de audicións, fotografías, documentos ou vídeos.
A aplicación Galicia Nomeada xa conta con 2.236 colaboradores rexistrados
Compartir Este Artigo

