Este 20 de outubro vaise celebrar na sede de ADICAE en Santiago (no número 2 da avenida de Vilagarcía) unha xornada sobre como mercar de forma segura e responsable en Internet. A sesión, que dará comezo ás 18.00 horas, porá o foco en dotarnos de recursos para evitar caer nas redes das ciberestafas nas súas moi variadas manifestacións. Podemos inscribirnos xa a través dunha ligazón específica ou ben enviando un correo electrónico indicando nome e apelidos a santiagodecompostela@adicae.net ou chamando ao 981941397.
Segundo informa ADICAE respecto dos porqués desta xornada, o aumento das compras por Internet é unha realidade máis que afianzada na nosa actividade diaria, pero cómpre que do mesmo xeito que somos responsables e precavidos nas nosas operacións comerciais presenciais, cómpre selo tamén a través das novas ferramentas, e máis agora nesta tempada post-COVID de especialmente intensa actividade dixital: “España é un dos países nos que máis aumentaron as compras por Internet durante a pandemia, e non é de estrañar que cada día cheguen máis consultas á nosa asociación relacionadas cos perigos do comercio electrónico. As reclamacións e as dúbidas relacionadas con aspectos como a protección dos datos, as vías de reclamación ou as medidas de protección ante as estafas e o malware han ir en aumento desde o inicio da pandemia”, explica ADICAE, lembrando que aínda hai moitos consumidores que “carecen das ferramentas necesarias para detectar fraudes e tomar as medidas de protección necesarias para a compra por Internet”.
Por iso, a entidade decidiu organizar o seguinte en Santiago o obradoiro Comercio electrónico seguro.
O taller tratará sobre:
1º. Aspectos a ter en conta antes da compra: preparación para a compra e medidas de seguridade, identificación de tendas online de confianza, detección de calotes e configuración da Rede.
2º. Aspectos a ter en conta durante a compra: medios de pago, configuración das contas de usuario, contrasinais seguros, recuperación de contas e outras cuestións de interese.
3º. Aspectos a ter en conta despois de mercar: información sobre as garantías e os dereitos do consumidor, produtos defectuosos, datos persoais e vías de reclamación.
Esta actividade conta co apoio do Instituto Galego de Consumo e Competencia para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de comercio electrónico seguro.
ADICAE mostra esta semana, nunha xornada en Santiago, como protexernos dos calotes en Internet
Compartir Este Artigo

