O Congreso XoveTIC, organizado polo Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, celebrou este mes de outubro a súa cuarta edición, que congregou a máis dun centenar de asistentes en formato híbrido. Investigadores e investigadoras júnior presentaron un total de 62 traballos no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, sendo un espazo de encontro para o debate científico e un impulso para a súa formación.
Ademais das comunicacións orais e os pósteres presentados, celebráronse dúas conferencias plenarias, a cargo da directora da Área de Tecnoloxía da UPF Barcelona School of Management, Ana Freire, que explicou coa súa charla Tecnoloxía deseñada por e para o ser humano como se pode aplicar a tecnoloxía na saúde mental e axudar na prevención do suicidio. O membro do Comité Asesor de Directores do INESC TEC de Porto e profesor da Universidade do Minho, Rui Carlos Oliveira, ofreceu o seu relatorio Emergency Research: Help fighting a pandemic, achegando o traballo realizado coa aplicación Stayaway COVID.
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, clausuraron o acto tras a entrega de premios, na que se recoñeceron os mellores traballos valorados por parte do comité científico do XoveTIC, atendendo á súa calidade, excelencia e orixinalidade. Cada premio estivo dotado cunha gratificación económica de 300 euros.
Os traballos premiados foron:
— SparkEC: una herramienta Big Data para la corrección de errores en lecturas genética, presentado por Marco Martínez Sánchez. Entregou o premio en representación do Clúster TIC de Galicia o director xeral de Imatia, Fernando Vázquez.
— Multiple-Choice Question Answering Models for Automatic Depression Severity Estimation, recollido por Anxo Pérez, coautor do traballo, en representación de Jorge Gabín, quen realizou a exposición. Entregou o premio o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo.
— Detección de ataques de DoS en un entorno IoT controlado por protocolo MQTT basado en clasificadores binarios inteligentes, presentado por Álvaro Michelena. O recoñecemento foi realizado por parte do director da área IT e Enxeñería de Software do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Óscar González Represas.
— Collaborative Digital Twin: a Novel Open-Source Augmented Reality Solution for Training and Maintenance Processes in the Shipyard of the Future, exposto por Aida Vidal Balea, e galardoado pola Cátedra Aldaba WIB, a Cátedra UDC-Everis en Transformación Dixital e a Cátedra R en Ciberseguridade; entregou o premio o decano da Facultade de Informática da UDC, Mariano Cabrero Canosa.
— Practicum Direct Simulador para la toma de decisiones durante pandemias, exposición realizada por Alejandro Puente e premiada pola Fundación CITIC de Galicia (FCITICG). Acudiu en representación do Concello da Coruña, membro do padroado da FCITICG, o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña, Jesús Javier Celemín Santos.
A IV edición do Congreso XoveTIC congregou a máis dun centenar de asistentes
Compartir Este Artigo

