As xornadas Galicia Innovation Days, impulsadas por FEUGA e a Xunta para visualizar as oportunidades que brindan os fondos do Horizonte Europa, puxeron este 29 de outubro o punto final a cinco días de debates, relatorios e sesións de traballo. O evento culminou a súa primeira edición cumprindo unha das súas grandes expectativas: mostrar a nivel internacional as capacidades de Galicia en investigación e innovación e as oportunidades que se presentan ante a nova convocatoria do Horizonte Europa, o programa de financiamento europeo de I+D+i que conta cun orzamento de 95.000 millóns de euros para o período 2021-2027.
Segundo informou FEUGA, a alta participación rexistrada nas xornadas evidencia o interese polo novo período que se abre para os vindeiros anos en materia de desenvolvemento tecnolóxico, marcados polos ditos fondos. Así, preto de 600 representantes de empresas, universidades e centros tecnolóxicos de 44 países participaron nas sesións de Galicia Innovation Days.
As actividades relacionadas co medio ambiente, a transformación dixital e a agroalimentación foron as que suscitaron un meirande interese por parte de empresas e investigadores. Precisamente, a agroalimentación centrou o último día do evento (este venres 29) mostrando o importante potencial de Galicia neste ámbito, con proxectos impulsados dende as tres universidades galegas.
Ademais, unha mesa redonda serviu para reflexionar sobre a importancia da innovación e a investigación para lograr “un sector agrícola intelixente, resiliente e sustentable”. Na mesa destacouse que a Política Agrícola Común (PAC) do futuro fomentará un maior investimento en investigación e permitirá que os agricultores e as comunidades rurais tiren proveito dela. “Por tanto”, coincidiron os participantes, “é fundamental construír sistemas de coñecemento e innovación agrícolas máis sólidos para impulsar a iniciación e o desenvolvemento destes proxectos, difundir os seus resultados e utilizalos da forma máis ampla posible”.
FEUGA tamén salientou o alto grao de interacción acadado entre as presentacións dos diferentes relatores e temáticas, así como as sesións de networking, actividade que proporcionou unha “visión conxunta das ferramentas dispoñibles para participar nas novas convocatorias”.
Os Galicia Innovation Days permitiron, engadiu a organización, “albiscar o futuro a través de ideas e novos proxectos para afrontar os novos desafíos aos que se enfronta Europa”. Así mesmo, posibilitaron reforzar a posición de Galicia en mapa da innovación europea mostrando o potencial dos grupos de investigación.
Durante a clausura, o director xeral de FEUGA, Javier Pereiro, manifestou o seu agradecemento á Consellería de Cultura, Educación e Universidade por confiar na Fundación Empresa e Universidade de Galicia para preparar e levar a bo porto esta iniciativa.

