A Deputación de Pontevedra, a través da rede SmartPEME de formación tecnolóxica profesional e empresarial, oferta esta primeira semana de novembro catro novas accións formativas impartidas de xeito online. Versarán sobre o novo itinerario iniciado o pasado mes de outubro en fabricación dixital, sobre como mellorar a nosa posición en buscadores e redes ou sobre como crear un plan de mercadotecnia para unha empresa turística.
En concreto, este martes 2 impartirase o obradoiro Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape IV – Partstudio IVDIO II. Estará a cargo do experto universitario en Robótica Manuel Freire, quen dará a coñecer as tecnoloxías implicadas no proceso de fabricación dixital, tanto a nivel teórico como a nivel práctico. Os/as participantes terán contacto real coa tecnoloxía e poderán experimentar con ela, chegando a deseñar e fabricar por si mesmos unha peza no Fab Lab.
O mércores 3 será a quenda de Como mellorar o posicionamento local da túa empresa turística, a cargo de Mariana Rosa, graduada en turismo. Esta explicará como sacar o mellor rendemento á xeolocalización dos establecementos, como optimizar e profesionalizar a páxina de Google My Business e Google Ads e que ferramentas complementarias usar para que optimizar o posicionamento local dunha empresa turística.
Finalmente, o xoves 4 pola mañá, Manuel Freire impartirá Fabricación Dixital. Laminador cura II, como continuidade do obradoiro do martes. Pola tarde, a posgraduada en Comunicación Corporativa María Aller pechará a formación da semana con Crea un plan de márketing para a campaña de Nadal. Neste obradoiro Aller orientará aos usuarios/as para realizar un plan de mercadotecnia co obxectivo de aumentar o número de clientes durante estas festas mediante o emprego de ferramentas como as redes sociais, Google Adwords, Facebook Ads e a monitoraxe. Amais, amosará tamén exemplos de campañas de éxito que poidan servir de inspiración.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPEME no apartado de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo ao enderezo info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202 020.
SmartPEME inicia novembro con outros catro obradoiros en liña
Compartir Este Artigo

