O Clúster TIC Galicia vén de informar que se atopa mergullado na elaboración dun mapa de capacidades, produtos e servizos do sector tecnolóxico-dixital galego que recolla os datos daquelas empresas con sede física na nosa Comunidade que desenvolvan actividades tecnolóxicas. Este mapa irá dirixido a demandantes de servizos e ferramentas TIC e axentes intermedios, como hubs de innovación e outras agrupacións industriais, colaborando no mesmo coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Na actualidade, a entidade está a recompilar información sobre empresas TIC, “con independencia de se forman parte do propio Clúster”, a través dun completo formulario que inclúe datos como os sectores clientes, as certificacións e acreditacións en vigor, as patentes e marcas propias ou as solucións ofrecidas.
Con máis de 200 perfís de entidades cubertos ou en proceso de remate, en tan só unha semana de traballo, o mapa está a expresar “o compromiso das entidades tecnolóxicas de Galicia co proxecto”, salienta o Clúster, que estima que esta colaboración superará ás 300 entidades rexistradas e catalogadas nesta primeira fase. “Esta recollida de datos é o primeiro paso para contar cunha ferramenta que permita acadar unha maior visibilidade aos produtos e servizos TIC feitos en Galicia así como as capacidades acumuladas polas mesmas”, engade o Clúster.
O proxecto enmárcase na iniciativa GaiásTech, liderada pola AMTEGA, que busca “lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica”. Responde, ademais, á necesidade de cubrir a crecente demanda de provedores tecnolóxicos detectada polo Clúster TIC Galicia así como axilizar e dinamizar as buscas actuais e futuras. A información do mapa estará tamén dispoñible para os Hubs de Innovación Dixital, impulsados pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, dos que o Clúster TIC Galicia é parte, que están chamados a xogar un papel de ventá única no proceso de dixitalización.
O proxecto integrarase no portal GaiásTech, asegurando deste xeito a súa visibilidade e o seu uso por parte de axentes tales como empresas, centros de coñecemento, clústeres, hubs de innovación dixital ou calquera outra entidade con interese nos procesos de transformación de todos os sectores económicos de Galicia e no impulso da dixitalización en xeral.
O Clúster TIC traballa nun mapa galego de capacidades, produtos e servizos TIC
Compartir Este Artigo

