Novamente a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) achegounos datos actualizados sobre a calidade de servizo dos diferentes grupos de telecomunicación que operan no mercado, segundo as informacións da Secretaría de Estado de Telecomunicaciones e Infraestruturas Dixitais (SETID) e as estatísticas de reclamacións rexistradas na Oficina de Atención dos Usuarios das Telecomunicacións (OAUTEL).
Estes datos examinados pola UCGAL abordan en primeiro lugar un parámetro xenérico que nos serve de introdución: a calidade global, que é froito de analizar a calidade e as reclamacións na telefonía fixa, telefonía móbil e Internet (tempo de conexión, avarías, tempo de resolución destas, caudal de carga e descarga, reclamacións en fixo e móbil, etc). Neste punto, Movistar acada a maior puntuación cunha cifra de 7,49. UCGAL lembra a este respecto que non deixa de “resultar significativo que o operador que soporta a prestación do servizo universal siga a ser o mellor en termos de calidade”.
No lado contrario da listaxe atópase Orange, que acada a puntuación máis baixa, con 5,70 puntos, a un 31% do líder. No estudo, só Vodafone supera os 7 puntos, situándose na segunda posición, mentres que o Grupo Masmovil e Euskaltel móvense arredor dos 6,5 puntos.
No apartado de servizo móbil suspende Orange con 4,43 puntos e o grupo Masmovil e Euskaltel superan por pouco os 5 puntos. Unicamente Movistar e Vodafone ascenden por riba dos 6 puntos, o primeiro con 6,64 e o segundo con 6,36.
No que se refire a servizo fixo, tres operadores acadan máis de 8 puntos: Movistar (8,34), Vodafone (8,24) e Euskaltel (8,13). Pola súa banda, Orange repite a peor puntuación con 6,97 puntos.
Na telefonía fixa a porcentaxe de avarías vai do 2,40% (Masmovil e Orange) ao 0,63% de R.
Na investigación dise tamén que o tempo empregado na reparación de avarías vai desde as 46 horas de Movistar ás case 118 de Orange (preto de 5 días) ou ás 97 horas de Masmovil. Neste punto, a UCGAL lembra “que R e Telecable roldan as 90 horas”.
Pola súa banda, “a porcentaxe de avarías reparadas no tempo obxectivo que comprometen (48 horas coa excepción de Movistar que o establece en 46 horas) aproxímase ao 97% no caso de Movistar e non chegan ao 90% Orange, Masmovil, R e Telecable”, engádese no informe.
En Internet, a investigación sinala que a porcentaxe de avarías de Euskaltel vai alén do 3,50% e R o 3,10%, entre o 2,20% e o 2,50% sitúanse Orange e Masmovil. No lado oposto sitúase Vodafone cunha taxa do 0,89%.
No estudo faise saber ademais “que Masmovil supera as 115 horas no tempo de reparación de avarías e Telecable as 103”. Pola súa banda, Orange aproxímase ás 100 horas. No outro extremo está Euskaltel con 47 horas.
Respecto da banda larga, a investigación lembra que “fronte á simetría en Mbps das velocidades de suba e baixada que presentan os operadores de ámbito estatal (600/600; 300/300; 100/100; 50/50); os que operan en só en algún territorio (Euskaltel, R e Telecable) presentan asimetrías moi intensas (500/50; 300/30; 200/20; 100/10 e 50/5)”. Dito isto, faise saber que o caudal medio de descarga nas ofertas de fibra e cable vai do 104% e o 101% de Vodafone e Telecable, respectivamente, ata o 92% e o 95% de R e Euskatel. Pola súa parte, engádese o caudal medio de subida nas mesmas ofertas, oscila entre o 102% e o 101% de Vodafone e Telecable, ate arredor do 95,20% de R. Respecto ás ofertas de ADSL (polo xeral 20/1 Mbps) a baixada está entre o 87% de Masmovil e o 73% de Movistsar e a subida oscila entre o 89% de Masmovil e o 69% de Orange.
Na banda larga móbil a investigación apunta a que os os caudais medios de baixada e subida están entre 41% e o 30% na descarga (Vodafone e Masmovil, respectivamente); e entre o 72% e o 36% na subida correspondentes a Masmovil e Orange.
Os consumidores dan a Orange unha puntación de só 5,70 puntos en calidade media
Compartir Este Artigo

